Acta da asamblea anual da Federación Galeusca 2010

Os asistentes ao encontro Galeusca, celebrado na cidade d´A Coruña entre o 29 de outubro e o 1 de novembro de 2010, membros representantes das asociacións de escritores e escritoras que constitúen a Federación Galeusca – EIE, AELG e AELG-, reúnense nesta primeira asemblea da Federación o domingo 31 de outubro ás 10:00 para tratar os puntos da seguinte:

ORDE DO DÍA:
1. Informe do presidente da actividade desenvolvida en 2010
2. Análise da situación actual de cada asociación
3. Perspectivas de futuro e dinámicas sistémicas
4. Rogos e preguntas

1. O presidente da Federación Galeusca, e tamén presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, nomeado na celebración do último encontro Galeusca en 2009, saúda os asistentes que acoden a esta nova forma de traballo conxunto das tres asociacións, produto da entidade legal constituída o pasado ano. Baixo este novo formato, lembra o presidente, en acordado réxime rotatorio, que anualmente a Federación celebrará unha asemblea anual que nos permita actualizar a información sobre a realidade das nosas tres asociacións.
O presidente informa aos asistentes á asemblea que foi conseguido que o Congreso dos Deputados de Madrid aprobase por unanimidade a proposta conxunta de continuar avanzando no recoñecemento das tres literaturas nacionais. A proposta desta Federación Galeusca reclamaba do goberno español o recoñecemento das nosas literaturas propias dentro dun Estado plurilingüe e pluricultural co correspondente pedimento da necesaria concreción deste nos orzamentos do Estado español, así como a apertura de canles de comunicación directa para coa propia Federación. Neste sentido, lémbrase que a xuntanza celebrada co anterior Ministro de Cultura e mas coa directora do Instituto Cervantes non chegou a callar en proxectos concretos debido aos recentes cambios de nomeamentos políticos. Malia ser solicitada reiteradamente, aínda non se conseguiu pechar unha data de reunión coa nova Ministra de Cultura, mais isto non nos fará minguar nin renunciar nas nosas reclamacións a respecto do necesario trato de igualdade para coa homóloga asociación española.
Finalmente, Cesáreo Sánchez informa do acordo que finalmente se conseguiu, logo dun longo período de traballo e negociación, cos editores sobre  a necesidade de homoxeneizar e actualizar os contratos a unha realidade máis racional e adaptada aos tempos. As diferentes propostas de modelos de contrato están dispoñíbeis nas respectivas webs das asociacións.

2. O presidente da EIE informa que a literatura en eusquera está a vivir os seus mellores tempos, conseguindo avanzar nun eido que até o de agora estaba pendente do necesario desenvolvemento: o ensaio. Fronte a isto, a resposta gobernativa consiste en debilitar a vitalidade do pensamento e da literatura en eusquera co fin de esvaecer o idioma propio e a cultura, é dicir, o pobo, desde o argumento da necesaria despolitización dunha realidade singular. A ferramenta para iniciar este proceso vén da man da aprobación, por parte do PSOE e do PP, do chamado Plan de Cidadanía que vén lexitimar a minorización do eusquera e da cultura feita neste idioma, tendo en conta que o autenticamente fundamental é o individuo.
O presidente da AELC destaca, pola súa parte, a desconexión dos Países Cataláns á procura, de xeito máis significativo por parte do goberno valenciano, da fragmentación lingüístico-cultural. É por iso que a AELC ten que apoiar preferentemente as actividades culturais en Valencia, moito máis do que en Cataluña onde o grao de normalización cultural está moito máis consolidado.
Consecuentemente, entende que debemos aproveitar esta plataforma común que nos ofrece a Federación Galeusca para facer frente tanto ao Estado español como a Bruxelas.
Finalmente, para pechar este segundo punto da orde do día, toma a palabra o presidente da AELG, quen manifesta o continuado crecemento desta asociación en número de membros, que nesta altura xa supera os 400. Por outra banda, dá conta da nova realidade política galega, moi preocupante por canto o PP está a  manifestar unha actitude, en palabras e en feitos consumados, claramente hostil e afogadora da prudente vitalidade do idioma que iamos conseguindo, así como, en consecuencia, daqueles sectores directamente vinculados a nivel cultural co propio idioma: teatro, medios de comunicación, audiovisual, proxectos editoriais, música ... Medidas claramente regresivas para o idioma, a literatura e a cultura de noso que prevemos continúen consumándose, amparados no argumento da crise económica, ao longo de 2011.

3. Á vista da exposición da realidade circunstancial de cada asociación, parece oportuno tentar aproveitar sinerxias e retroalimentarnos entre os membros da Federación Galeusca, máxime tendo en conta as dificultades económicas que todo indica que non só continuarán, senón que mesmo se acrecentarán, así como a falta de apoio institucional público. Conclúese, pois, co acordo de procurarmos promover intercambios entre os nosos membros ao longo do ano nos respectivos programas de actuación de cada asociación, así como reforzar o uso profesional da Hugoenea, casa do escritor/a que a EIE nos brinda desde hai un tempo como lugar de escrita.
Finalmente, como ferramenta de coñecemento interno, proponse avanzar na divulgación das tres literaturas a partir de traducións e coa rede como medio de visibilización e difusión preferente.

4. No último punto da orde do día recolléronse as seguintes intervencións que facemos constar nesta acta:
4.1. A escritora Pilar García Negro lembra que seguimos na mesma recorrencia de hai anos, dependentes das políticas que outros aplicaren. É por iso que solicita que, coñecida a mínima presenza curricular da literatura galega, especialmente en ESO e BAC, desde esta Federación nos convertamos en verdadeiros defensores do estudo da literatura de cada nación, e dos seus clásicos, a partir da lectura e análise dos seus textos e prescindindo de biografías estériles e anecdóticas.
4.2. O escritor Ignasi Mora recorda que somos, en conxunto, máis de 2.000 socios e socias, polo que deberíamos dirixirnos aos medios de comunicación para que non nos silencien nas súas páxinas.
4.3. Ignasi Riera lembra o famoso artigo 3.3. sobre a oficialidade das nosas linguas, ao tempo que lembra que o Instituto Cervantes tamén ten entre os seus obxectivos o fomento e divulgación, co correspondente financiamento, destas linguas cooficiais.
4.4. Carlos López Bernárdez propón que asumamos unha visión en positivo do noso traballo, desde o noso ámbito, entendéndonos como dinamizadores sociais, traballando coa sociedade civil e a contrafío dos gobernos respectivos.
4.5. Xabier P. Docampo manifesta que unha actitude belixerante contra os que, desde o poder, pretenden negarnos, cos nosos sinais de identidade, é o que nos vai impedir minguar e deter o noso esforzo. Por outra banda, pregunta para cando pode organizarse un Galeusca centrado na literatura infantil e xuvenil, ao que Guillem Jordi, presidente da AELC, responde que ese programa que viña sendo habitual desde hai moitos anos vai mudar o seu formato, priorizando encontros máis pequenos, monográficos e menos custosos.

E non se recollendo máis rogos nin preguntas, dáse por rematada esta primeira asemblea da Federación Galeusca, celebrada na Coruña, ás 11:30 horas, do que, como secretaria xeral da AELG dou fe co visto e prace do actual presidente da Federación Galeusca e presidente da AELG.

Asdo.: Mercedes Queixas Zas          Asdo: Cesáreo Sánchez Iglesias