Dolors Bramon (gal)

Tradición e disidencia nos Països Catalans

Ninguén dúbida que un esplendoroso período islámico forma parte do pasado dos territorios da Catalunya Nova, do País Valencià e das Illes Balears, pero os historiadores témonos que esforzar para explicar que a penetración de musulmáns na Hispania afectou así mesmo ás terras hoxe catalanfalantes máis setentrionais. Cómpre insistir tamén no feito de que a partir do ano 711 a Península Ibérica pasou do dominio visigótico ao dominio islámico e que este cambio político é preciso entendelo como unha ruptura coa súa historia anterior. Isto é así porque a sociedade peninsular quedou incluída dentro dun sistema de goberno que se rexía dende Damasco segundo as directrices do Islam. Por este motivo os territorios hispánicos experimentaron unha forte orientalización. Do mesmo xeito, a continuada afluencia de bérberes islamizados na Península comportaría á vez unha boa dose de africanización.
Os musulmáns invasores foron os primeiros en poñeren de relevo esta ruptura política e expresárono claramente mediante un troco radical de nomenclatura: en adiante o nome do territorio foi Alandalús e o termo andalusí aplicouse nas zonas das antigas Hispania e Galia góticas mentres estiveron baixo goberno de musulmáns. A extensión xeográfica de Alandalús foi, xa que logo, de superficie variábel segundo o momento cronolóxico considerado: Narbona, por exemplo, deixou de ser andalusí no ano 759 e o mesmo hai que dicir de Girona(no 785), de Barcelona (no 801), da chamada Catalunya Nova na metade do século XII e do País Valencià e das illas Balears na segunda metade do século seguinte.
Tanto no que fai referencia ao conxunto da Península como ao grupo das terras hoxe catalanfalantes, non podemos falar globalmente de conquista –nin tampouco de Reconquista despois– porque se tratou, fundamentalmente, dunha invasión, dunha sucesiva toma de poder e dunha instalación progresiva de musulmáns. No ámbito hoxe catalán só se produciron enfrontamentos bélicos en Tarragona, Iluro (ou Mataró), Egara (ou Terrassa) e Empúries, e resulta evidente que mesmo nalgún outro lugar que a documentación non especifica, mais consta a rendición por capitulación de poboacións tan importantes como Barcelona e Girona. No relativo ao territorio valenciano, descoñecemos os detalles da súa incorporación ao Alandalús e tamén escasean as noticias que se refiren aos tres primeiros séculos de dominio islámico. Finalmente, as Baleares non pasaron a formar parte do estado andalusí até o ano 902.
O complexo abano étnico que caracterizaba a sociedade hispanovisigoda viuse incrementado polo estabelecemento da poboación foránea, sobre todo de castes árabe e bérber. A sacudida da invasión provocou a fuxida da poboación hispánica alén dos Perineos pero é obvio que o número dos que optaron (ou dos que puideron optar) polo exilio foi pequeno e estreitamente relacionado coa situación económica e/ou xeográfica dos afectados. Coñecemos os casos dos bispos de Toledo e de Tarragona e dos anónimos hispani que figuran nas fontes francas a partir do século VIII. Hai tempo que foi salientado o desprazamento de poboación da cidade cara ao agro e do agro cara á montaña, de xeito que nas cidades permaneceron unicamente os que pactaron decontado cos chegados de fóra e as autoridades nomeadas por eles.
Do despoboamento urbano falan tanto as crónicas árabes como as latinas e ambas as dúas refírense a todo o eido peninsular. Un bo exemplo disto pode ser o da capital valenciana que nas primeiras crónicas figura como balad Balansiyyah (é dicir, como territorio valenciano) e non experimenta urbanización ningunha até as taifas do século XI; Tarragona semella que ficou despoboada; o nome de Morvedre arabizouse a partir de «muro vetero» e a antiga Cartagonova, ou Cartagena, converteuse nunha aldea.
Agora ben, este movemento de persoas non ten que ser entendido de xeito ningún como un troco masivo de indíxenas por xente de fóra,nin moito menos como unha substitución da vella poboación –cristià, xudía ou pagà– por outra nova e de relixión musulmà, tal como aínda inducen a crer moitos textos ao cualificaren sistematicamente de árabes os habitantes de Alandalús.
Neste sentido, non é correcto falar, por exemplo, da Mallorca o da Dénia árabes, das Sudas árabes de Tortosa ou de Lleida, dos baños árabes de Valencia, da alcazaba árabe de Alicante ou do exército árabe de Almanzor que destruíu Barcelona no ano 985. En todos estes casos o cualificativo axeitado é o andalusí.
Dando un paso adiante, teño para min que tamén hai que insistir en que non só non houbo substitución masiva de persoas senón que o número de chegados de fóra foi reltivamente tan escaso que unicamente podemos entender o rápido triunfo político e social do islam e o progresivo cambio cultural e relixioso da poboación autóctona de termos en conta a libre aceptación e a conseguinte islamización e arabización da gran maioría dos hispanogodos que había daquela. Malia a dificultade de contar xente nunha época tan remota, parece que uns 100.000 homes pasaron o estreito de Xibraltar entre os anos 711 e 801, data da conquista franca de Barcelona. Comparando esta cifra coas estimacións feitas sobre a poboación visigoda, que oscilan entre os seis e os nove millóns, haberá que admitir a enorme desproporción entre invasores e autóctonos durante a primeira centuria de goberno andalusí.
Antes de proseguir, paga a pena advertir que por máis que agora e aquí subliñe esta desproporción étnica, e aínda que eu defenda a continuidade da maioría da poboación no chan hispánico, coincido coa visión rupturista deste período histórico; de aí que non estou en absoluto a favor das teses continuistas doutros historiadores, segundo as cales o escaso número de invasores tería sido asimilado pola gran masa da poboación indíxena co cal se conseguiría manter a esencia «do español» malia a invasión islámica.
Temos algúns elementos que nos permiten estabelecer a permanencia da poboación local e a aceptación do novo goberno: así, un fragmento da Crónica do Moro Rasis (século X) explica o seguinte dos castelos de Lleida: «quando los moros entraron en España, las gentes que morauan en estos castillos fizieron pleitesía con los moros e fincaron en sus castillos, e los moros sin contienda». Do mesmo xeito, o andalusí al-'Udhrî (m.1085) relata que en Huesca, despois dun cerco de sete anos de duración, a poboación autóctona solicitoulles a paz aos invasores. Segundo este historiador, xeralmente ben informado, «quen se converteu ao islam seguiu sendo dono da súa persoa, dos seus béns e mais dos seus privilexios, pero o que ficou leal ao cristianismo tivo que pagar [o imposto] per cápita». A seguir, amosa a acomodación ao cambio ao engadir que no seu tempo non ficaba en Huesca «nin un árabe puro que sexa descendente de árabes de raíz agás os que fan recuar a súa caste até os antergos que daquela abrazaron o islam».
Asemade, o cordobés Ibn Hazm (m.1064) escribe que o conde visigodo éponimo da caste que máis adiante recibiría o nome de Banû Qasî «trasladouse a Siria e converteuse ao islam en presenza do [califa] al-Walîd» e tamén deixa constancia doutras castes de muladís (é dicir, de hispánicos conversos ao islam) que acadaron poder na Fronteira Superior: ademais dos xa citados como Banû Qasî, fala dos Banû Xabrît e dos Banû 'Amrûs e cómpre notar que os dous primeiros teñen nomes familiares facilmente relacionábeis cos étimos hispanos Cassius e Saporitus e moi posibelmente tamén Amrûs, o terceiro, con Amorós. Así mesmo, a análise do Libro da selecta colección de xenealoxías dos árabes do xa citado Ibn Hazm amosa con claridade que os andalusís árabes de orixe –real ou suposta, tal como acabamos de ver foron sempre minoría en todo o estado. Este autor é taxativo cando escribe que no século X xa non era posíbel distinguir a orixe árabe, bérber ou indíxena da poboación andalusí. A súa afirmación constitúe unha proba evidente de que se producira un proceso de uniformización moi intenso e ao cal –teño para min– contribuíu a progresiva islamización dos hispanos e a paulatina arabización dos seus nomes de orixe e de igual xeito a dos nomes dos bérberes que, por razóns de proximidade xeográfica, foran chegando sen solución de continuidade.
Estou moi lonxe de insinuar que as conversións ao Islam fosen doadas e tampouco de cometer o erro de cualificar de simple ou sinxelo este xeito de entender a Deus, pero é obvio que a aceptación do novo credo por parte dos hispanos viuse favorecida pola flexibilidade da doutrina alcoránica. Doutrina que daquela aínda non estivera cinguida pola xurisprudencia elaborada no seo das escolas xurídicas expandidas entre os séculos VIII e IX, que aínda hoxe seguen en vigor. Por outra banda,non hai que esquecer que os estudos sobre a situación relixiosa da época visigoda amosan que o cristianismo estaba só enraizado nas metrópoles e ao longo das grandes vías de comunicación. É dicir, que tal como nos informan os expertos, existían na Hispania bolsas de paganismo que o Islam non podía tolerar e que por lei tiña que integrar a través da conversión.
Despois, coas sucesivas conquistas cristiás e en virtude dos pactos estabelecidos, os andalusís vencidos puideron quedar baixo o novo dominio cristián e conservar o seu credo, as súas institucións, e a lei de seu con algunhas limitacións. Estes musulmáns sometidos aparecen na documentación coetánea como mouros ou sarracenos, malia que na historiografía aparecen nomeados mudéxares (arabismo que significa «manso» ou «domesticado») e mouriscos logo de seren bautizados, xeralmente á forza. Pola documentación que chegou a nós, sabemos que nos núcleos urbanos os musulmáns das zonas conquistadas dispuñan dun ano de prazo para abandonaren as súas casas –repartidas despois entre conquistadores e repoboadores– e estabelecerse nun barrio periférico de seu, pero é obvio que nas terras máis setentrionais tiveron máis posibilidades de emigrar cara ao territorio andalusí, previo pago dun imposto de saída. Neste sentido, aínda que sabemos que despois da conquista franca de Barcelona, no ano 801, algúns ficaron alí e participaron en liortas contra correlixionarios deles, esta nova non ten que ser entendida como norma xeral das terras que hoxe constitúen Catalunya, onde até as conquistas de mediados do século XII non semella que poidamos falar dun remanente islámico de certa consideración. Pola contra, coa conquista do País Valencià a mediados do século XIII por obra do rei Jaume I xa non foi posíbel prescindir dos musulmáns dos territorios incorporados ao seu dominio porque os precisaban alí para continuar a actividade económica. Do exilio cara ás terras norteafricanas ou mesmo da escravitude dos conquistados, hai constancia nas illas Balears.
Co paso do tempo, a Monarquía hispánica tratou de facer homoxéneos a todos os súbditos, en tanto que a Igrexa ía incrementando o proselitismo cara ás minorías relixiosas consideraradas disidentes. Entón iniciáronse os bautizos masivos, primeiro na coroa de Castela (1501-1502), despois na de Navarra (1516) e, finalmente, na catala-aragonesa durante as revoltas dos irmandados (1525-1526). Porén, o receo cristián cara á pouca lealdade ao novo credo por parte dos mouriscos cristalizou no Edicto Xeral de Expulsión que se deu entre os anos 1610 e 1614. Así e todo, hai que salientar que non todos os mouriscos foron expulsados e que outros conseguiron volver aos seus lugares de orixe. Por último, aínda que os expertos non poidan dar cifras nin sequera aproximadas, resulta innegábel que a existencia destes «novos cristiáns de mouro» que continuaron vivindo no territorio catalanfalante despois da expulsión, foi esmorecendo entre a existencia dos seus veciños e máis tarde ou máis cedo foron abandonando a práctica do Islam. A destrución sistemática da súa sociedade e outros motivos que entran no mundo da privacidade foron levándoos cara á súa desaparición coma fieis ao Islam.
Recapitulemos: o dominio islámico nas bisbarras do Rosselló, o Conflent, o Vallespir, e a Catalunya Vella durou só uns cen anos, pero alongouse catro séculos na Catalunya Nova, cinco no País Valencià e tres nas illas Balears. Se seguimos as súas influencias, cómpre considerar tamén o tempo no que quedaron mudéxares nos Països Catalans: cinco séculos nas cuncas fluviais do Ebro e do Segre, catro séculos máis no Reino de Valencia e o mesmo pero cun número moi reducido nas Balears. Esta presenza alongouse no período mourisco até a expulsión de principios do século XVII. É evidente que un total de novecentos anos de contacto entre comunidades islámicas e cristiás debían xerar influencias de todo tipo e hai que pensar que estas influencias abrangueron os eidos máis diversos do conxunto da sociedade. Hai que remarcar, por exemplo, no eido da indumentaria, a serie de arabismos que son derivados do andalusí <aljúbbah: aljuba (obsoleto dende moi cedo), gipó, gipat, juba, jupó e engiponar no catalán; chupa, jubón, jubetero, jubonero ou jubetería no castelán; gibão, jubão, aljubeta, algibeta, algibetaria o aljubeteiro no caso do galego, e chipón, chubón i chibón no aragonés (ademais dos gippone e giubbone no italiano; do gipon e jupon no occitano e da jupe no caso do francés). O mesmo poderiamos dicir no ámbito da gastronomía, pola introdución de numerosos produtos, especialmente vexetais, tal como reflicten os arabismos na existencia dalgúns pratos novos como o turrón ou a chamada comida branca(1), ou ben o uso xeneralizado das especias como condimento e que figuran xa nos receitarios medievais, como o Llibre de Sent Soví ou o Llibre de Coch.
Así e todo e no conxunto da sociedade xa teóricamente cristiá, a implantación da Inquisición española provocou a disimulación dos hábitos dos posíbeis sospeitosos e os novos cristiáns esforzáronse por borrar calquera das influencias que entón eran aínda evidentes. Como consecuencia da actuación do chamado Tribunal Santo, produciuse un intento sistemático de ignorar os vestixios todos do pasado islámico e, naturalmente, tamén do pasado xudeu. Un bo exemplo, deste mundo plurirrelixioso perdura aínda na expresión catalá fer dissabte (cos seus equivalentes hacer sábado en castelán e facer o sábado en galego; descoñezo se existe termo paralelo no éuscaro) cuxo significado é limpar a fondo e que evidentemente podíase e pódese facer calquera día da semana. Pero limpar a casa o sábado, cambiarse de roupa o domingo e lavala e tendela o luns era proclamar que a familia observaba a festividade cristiá e polo tanto estaba, como mínimo neste punto, fóra de perigo. Noutra orde de cousas pero no mesmo sentido sabemos que se ben foron conservadas as cátedras de hebreo para os estudos bíblicos, a lingua árabe foi esquecida. Así quedou reflectido cando Carlos III quixo restabelecer os estudos de arabismo e para podelo facer tivo que andar á procura de estudosos estranxeiros, monxes maronitas sobre todo.
Por todo isto, de todas as influencias do noso pasado islámico, só persistiron claramente até hoxe os arabismos que teñen presenza en todos os ámbitos do léxico e da onomástica do catalán. É obvio que o maior número de arabismos entrou na lingua catalá durante o período mudéxar, sobre todo a través do contacto cos valecianos e en menor grao cos da Catalunya Nova e Balears, e é evidente que desapareceron os que aludían a cousas que ían quedando obsoletas co tempo (roupa de vestir, cociña, técnicas diversas, etc.).
Nun principio os arabismos designaron cousas descoñecidas até daquela. Este é o caso de moitos produtos agrícolas(arròs, arroz; safrà, azafrán, açafrão, safrana); farmacolóxicos (sucre, azúcar, açúcar, azucre; càmfora, alcanfor, alcanfor); de técnicas novas (cènia i sínia, aceña, acenha, acea; quitrà, alquitrán, alcatrão, alcatrán); de ferramentas diversas (gerra, jarra, jarra, xerra); de nomes de náutica (xabec, jabeque, xaveco); de animais exóticos (gasela, gacela; papagai, papagayo, papagaio), etc.
Entre os arabismos hainos que son propios das outras linguas hispánicas pero non do catalán (acelga, acelca, azelga; aceite, aseite, azaite, azeite, aceite; albáitar, alveitar, albeite, etc.). Así e todo tamén se produce o caso contrario, é dicir, o feito de que o catalán conservou arabismos que eran vivos hai tempo entre a xente que fala castelán ou galego e que agora caeron en desuso. Isto observámolo en palabras como alhamel ou alfóstigo que se corresponden con camàlic (portador ) e festuc (pistacho) termos que aínda hoxe utilizamos os cataláns. Como consecuencia da diversa duración do período islámico nas terras catalás, o catalán conserva sinónimos procedentes do árabe ou do latín coma tramús e llobí (chícharo bravo); alfals e userda (alfalfa) ou almàssera e trull (muíño de aceite).
Os arabismos que foron incorporados á lingua catalá pero non á castelá nin á galaico portuguesa resultan máis dificiles de detectar e este é o caso dalgúns verbos moi característicos engiponar (botarse unha peza de roupa por riba de calquera maneira); entabanar (enlear); nafrar (mancar); etc., ou ben outros termos comúns como caliu (borrallo), escalivada(2); enxaneta(3); galzeran, gallerans (xibarda), rajola (baldosa) e de expresións como «a la babalà», literalmente «na providencia de Déus»; «en doina» que significa en desorde, e «de gaidó» e «de gairell» que quere dicir torto, inclinado. Unha das palabras catalás con orixe árabe que nos ten pasado máis desapercibida é o adxetivo tafaner e do mesmo xeito o verbo tafanejar que como sabemos equivalen ao fisgón e fisgonear do castelán e que significa «meter o nariz en cousas alleas ou nas cousas que non nos incumben». A orixe das nosas verbas catalás tafaner e tafanejar vén do árabe tahuna, de onde derivaron os termos tafona, atafona, tahona, tafona que aínda quere dicir «muíño».
O muiñeiro andalusí era o tahhan, palabra que se transformou en taffan, orixe da actual tafaner. A metonimia é doada de comprender porque os homes andaban laretando mentres moían o gran ou ben esperaban a súa quenda.
En xeral, os arabismos cataláns caracterízanse por unha menor frecuencia na incorporación do artigo árabe /al/, como pode observarse nas series cotó, algodón, algodão, algodón ou garrofa, algarroba, alfarroba, algarrofa. Tamén é moi frecuente a perda da consoante radical final do étimo árabe, sobre todo /n/, como sucede en mesquí, que se recupera nos seus derivados (mesquins, mesquinesa) pero tamén outras consoantes, como /b/, no caso de alcaqrab> alacrà (alacrán), ou /q/, en alambîq > alambí (alambique).
Adoito o catalán introduce un /r/ parásito en palabras de orixe árabe sindiyyah > sínd[r]ia (sandía), alhabaqah > alfàb[r]ega (albahaca) e ás veces prodúcese un troque entre as consoantes árabes /l/ e /r/ que pasan ao catalán convertidas en /r/ e /l/, tal como se pode ver en gurfah > golfa (faiado) ou gandûr > gandul (lacazán).
O fenómeno chamado en árabe tafkhîm que consiste na tendencia da vogal /a/ a se converter /o/ arredor de velares ou labiais tamén se reflicte en xarâb > xarop (xarope) ou en alqawwâdah > alcavota (alcaiota). Acontece o mesmo, a partir dos dialectos andalusís, co fenómeno chamado imâlah consistente na tendencia espontánea de trocar /a/ por /e/ e mesmo por /i/, tal como amosan as series sâniyyah > sènia, sínia (acea ou nora); sâqiyyah > sèquia ou síquia (rego) ou satl > setrill, sitrell (aceiteira).
Finalmente, paga a pena chamar a atención para a continuada perda de arabismos en todas as linguas peninsulares. O castelán e o galaicoportugués xa hai tempo que perderon a palabra chafariz e as súas variantes jaraíz, zafareche, zafariche e xafariz en troques o catalán conserva aínda safareig (lavadoiro) como receptáculo con auga para lavar ou como cuarto onde hai un lavadoiro ou ben a máquina de lavar a roupa. No entanto os pisos pequenos están a facela esmorecer e xa só queda como a actividade de latricar das mulleres nos lavadoiros públicos, é dicir, como sinónimo de laretar.

Traducido do catalán por Lluïsa Soaz

-----------------------------------------------------------
1. Menjar blanc. Prato de sobremesa, típico de Reus. Crema doce, elaborada con leite de améndoas, azucre, amidón e canela. (N.da t.)
2. Prato típico: pemento e berenxena pelados asados regados con aceite. (N da t.)
3. Cativo ou cativa que na exhibición dos «castellers» coroa a torre humana. (N.da t.)