Andoni Sarriegi Eskisabel (gal)

A tradición ligüística recibida

As dificultades de soster a tradición lingüística
Moitas veces escoitamos ou lemos nos medios de comunicación «Istripua izan da eta errepidean kola handiak daude» [houbo un accidente e nas estradas hai grandes colas]. «Cola» máis que un préstamo é un calco moi novo. É moito máis enxebre dicir ou escribir «Istripua izan da eta auto-ilara handiak daude» [houbo un accidente e hai grandes fileira de carros], co préstamo vello «ilara» máis arraigado. Pasa o mesmo coa sentenza «Mezara joan» [ir a misa] en singular, en lugar do «Mezatara joan» [ir ás misas] de máis costume; ou mesmo «Gazteei zuzenduriko ikastaroa antolatu da» [organizouse un curso dirixido á mocidade] (calco de «dirigido a»), en lugar de facelo co sociativo, «Gazteentzako ikastaroa antolatu da» [organizouse un curso para a mocidade]. E na procura, atoparíamos seica mil máis como estes. Soamente son uns poucos exemplos, pero para resumilo en dúas palabras, nolos vascos, vivimos sen poder soster a tradición lingüística recibida.

O recibido polos que nos precederon
Para dicilo en palabras de Saussure, os vascos que en pasados séculos viviron en éuscaro e non sabían máis que éuscaro, utilizaban nos seus dialectos uns significados (conceptos) e uns significantes(1) (sucesión de fonemas, figura acústica usada para dicir) que mantiñan entre eles unha lóxica e unha concordancia total. Da mesma maneira, esa concordancia mantíñase e hoxe tamén mantense nos nomes daquela, nos topónimos creados entre a relación da orografía ou xeografía e a lingua. Polo tanto, podemos afirmar claramente, que os significados (conceptos) e significantes (linguaxe oral, ferramentas) de estes monolingües vencellábanse totalmente e que o dito estaba dacordo co que pensaban.
Isto comezou a mudar principalmente a finais do século XVIII e comezos do século XIX. Por unha banda, as consecuencias que trouxo a Revolución Francesa(2) neses séculos en Lapurdi, Nafarroa Behera e Zuberoa: impúxose a obrigatoriedade do francés na escola e na administración (mesmo no servizo militar), que aínda non se amañou. E as dúas grandes gerras do século XX(1914-1918 e 1939-1945) fomentaron esta situación e medrou o proceso de afrancesamento de toda a sociedade. Por outra banda, no Sur do País Vasco prodúxose unha situación semellante coa perda dos Fueros, a lei Moyano de España (1857)(3), e o tempo de mandato de Cánovas a partir de 1876: impúxose a obrigatoriedade do español na escola e na administración (mesmo no servizo militar), en Araba, Bizkaia, Gipuzkoa e Nafarroa. Polo tanto, esa obrigatoriedade para todos os vascos de se escolarizar nunha lingua allea, mais o aumento da utilización das linguas alleas na administración, puxo en vacile a lóxica e concordancia da tradición lingüística, e os vascos de todos os dialectos comezaron a alterar as relacións entre significados e significantes. Evidentemente durante o século XX todo isto aumentou, e indo máis alá, nas vilas nas que aínda había vascos monolingües por non seren vilas fronteirizas dos erdaras(4) tamén chegaron a ter perdas lingüísticas.
Amais, o humilde, breve e inquieto camiño de recuperación (creando Ikastolas, Euskaltzaindia, xogos florais, concursos de bertsolaris, etc. ) que comezou a finais do século XIX e comezos do
século XX, crebouse e derrubouse completamente en 1936 en todas a rexións do Sur do País Vasco; e desapareceu totalmente até que chegou o movemento que comezou a se espallar nos anos 60.
Por outra parte, como mencionou o euskaltzain(5) recén fenecido Joan San Martín en Zeruko Argia(6), en diversas épocas e a nivel persoal, houbo unhas tentativas históricas de tentar vencellar a escrita vasca coa oral.

O que nós temos recibido
A mediados do século XX, en todo o País Vasco, tanto en España baixo a dictadura do Franquismo como baixo a democracia da Franza, os vascos tivemos como tesouro, depósito e refuxio danosa lingua os pais, a familia e no mellor dos casos tamén o barrio ou a aldea. Nalgúns casos e nalgures, algúns clérigos da Igrexa Católica tamén axudaron a conservar a tradición lingüística, pero non tanto a Igrexa como institución, porque esta fixo todo sempre por tras e cando xa non podía facer outra cousa. Hoxe aínda a Igrexa Católica non fixo no País Vasco un verdadeiro plantexamento lingüístico para a práctica en éuscaro, e outras Igrexas aínda menos.
A escola, non obstante, sempre traballou en contra da nosa tradición lingüística até que as Ikastolas colleron forza (até que a partir de 1980 movidos pola necesidade comezara o cambio). Negaba que tiveramos unha lingua e impuxo unha lingua que non era nosa e que en nós non tiña tradición oral. Por outra parte, as obras dos escritores vascos (os máis clásicos) estaban ocultos, e a maioría dos vascos non sabíamos que existiran sequera, ninguén nos falou deles (agás dalgúns clérigos nalgúns Seminarios e Mosteiros), e case nen sequera estaban en venta (mesmo durante algúns anos estivo prohibido publicar e vender libros en éuscaro no Sur do País Vasco)(7), exceptuando algúns libros que se conservaban a medio-escondidas en algún ou noutro mosteiro(8).
Nas casas humildes, sen embargo, non había formación e información dabondo para saber deles. Eu mesmo e ao meu redor, por exemplo, soubemos algo sobre algúns escritores vascos case a escondidas nas prácticas de alfabetización dos anos 68-70. Pero a parte destes papeis preparados en multicopias, non mercamos nen limos moitos dos seus libros, porque non se atopaban no mercado. Por exemplo, o dicionario de R.M. Azkue que daquela se consideraba o mellor, non o conseguín até o ano 1980.
En Lapurdi, Nafarroa Behera e Zuberoa, pola contra, nas pequenas e medianas vilas rurais os vascos alfabetizáronse en certa medida no seu dialecto ao redor da doctrina no ámbito da Igrexa, como non pasou nas grandes vilas urbanizadas. Algúns clérigos dos Seminarios tamén tiveron a súa influenza naquelas alfabetizacións. Unha lei de 1903 do Goberno Francés, en cambio, prohibiu a opción de facer isto.
Polo tanto, a meirande dos vascos, recibimos a tradición lingüística nestas condicións e de boca a boca, nas nosas familias e barrios. Ademais, cando a recibimos, menosprezábase totalmente a lingua: os supostos progresistas vascos e a alta sociedade, aínda que a souberan non a usaban, e ás veces o empleo da lingua denunciábase como actividade política no Sur do País Vasco(9), e os nosos pais e os nosos veciños tamén vivían a diario baixo a influenza viva e intensa do erdara, coa perda, cambio, alteración, mudanza, e falta de desenvolvemento da tradición lingüística, e cos restantes prexuízos.
Por outra parte, hai que ter en conta que daquela aínda non tiñamos o euskara batua [o éuscaro unificado] (até 1968), que todas as obras escritas (as literarias e as outras pouquiñas) foron escritas en dialecto, tanto as clásicas como as do século XX. Até o inicio do século XX foron escritos en ortografía francesa e española e daquela aínda estaba sen normativizar totalmente a nova ortografía.

Cambio
Nese ambente, necesariamente, emerxeron as Ikastolas co obxectivo de euskaldunizar a escola. Polo camiño do proxecto que se creou e se materializou en Donostia en 1914, fortalecéronse até o ano 1936, pero coa guerra sufriron unha completa ruptura. En Donostia comezaron a traballar de novo a escondidas na década dos 40, pero até que chegou a década dos 60 non comezaron a se espallar ás vilas e a se espallar aos niveis superiores automáticamente no Sur do País Vasco. No Norte do País Vasco, sen embargo, comezaron a se espallar na década dos 80. A escola tivo e ten unha importancia increíbel para o futuro, porque garda a tradición lingüística recibida e porque a mellora como instrumento, pero era e é un traballo a longo prazo, e hoxe aínda o proxecto non se acadou no total do ensino.
Por outra parte, creouse unha dupla actividade que tivo moita importancia nesoutra tarefa: a alfabetización dos vascofalantes, é dicir, a tentativa de vencellar a oralidade á escrita, e como axuda a esta a euskaldunización dos non-vascofalantes, como último obxectivo no eido do coñecimento ou da cultura, é dicir, que mediante o ensino se procuraba converter en vascofalantes alfabetizados aos non-vascofalantes(10). Pódese mencionar como baliza o curso 1966-1967. Ricardo Arregi, ademais de impulsar xunto a outros a Euskaltzaindia, fixo unha grande campaña no Sur do País Vasco anunciando a alfabetización nas rexións onde vivían vascofalantes. Froito disto foi o primeiro curso de alfabetización «oficial» que organizou a Euskaltzaindia no Conservatorio de Música de Donostia dende o 27 de agosto até o 2 de setembro de 1967(11). No mesmo curso 1966-1967, Jon Oñatibia fixo algo semellante ao inventar o Método de Euskera Radiofónico para euskaldunizar e comezou a espallalo por radio e en cursos(12). Tivo os dialectos como base e empleou tres dos dialectos(13). Estes dous acontecementos foron moi importantes e no seguinte curso académico comezaron a se difundir en vilas e rexións pirmeiro no Sur de País Vasco e tamén no Norte de País Vasco a partir da década dos 80. A alfabetización ordenou, mellorou e vencellou á lingua escrita a tradición lingüística recibida, e sen outra escola de adultos, converteuse no centro de preparación dos traballadores de hoxe no ámbito do éuscaro e dos vellos profesionais. Aquilo foi sen dúbida, a primicia de todo o que hoxe temos desenvolvido no éuscaro e aínda non cesou porque sigue na actividade dos Euskaltegis(14). Serviu de axuda a todo isto a euskaldunización, que aínda que fora moi grande en número, seica non lograron transmitir tan ben a tradición lingüística. Isto tamén perdura nos Euskaltegis e tanto un como outro, apesar da influenza da escola, teñen traballo para longo tempo. O rendemento da tradición lingüística que lles transmitimos aos novos vascofalantes, sen embargo, é escaso –agás excepcións– e aínda que consigan títulos de éuscaro, en proporción poucos teñen o pouso e instinto vasco.
Polo tanto, todos os que coñecimos o sistema de ensino e todos os demais modos de aprendizaxe en erdara até 1967, por primeira vez tivemos a oportunidade, voluntariamente, por militancia e por conciencia, de comezar a ler e aprender a nosa lingua, literatura, etc. Nese intre, puidemos comezar a vencellar co mundo cultural da escrita a tradición oral de casa e do barrio que era o noso tesouro, recibido no noso dialecto, que nos faltaba por normativizar e estandarizar, e aínda que tivera contidos enxebres xa comezara a súa perda coas carencias que xa tiña a xeración dos nosos pais.
Hai que dicir neste sentido, que as decisións (básicas) tomadas pola Euskaltzaindia en 1968 foron de vida ou morte. Pauli Davila(15) baliza tres períodos na alfabetización do éuscaro: a alfabetización reducida (1940-1969), a alfabetización estensiva (1970-1980), e a alfabetización institucional (1981-1992), até a data no que escribiu o artigo. Pero esa terceira etapa perdura hoxe tamén. Concretamente, menciona que os inicios do Euskara Batua se materializaron a finais da etapa da alfabetización reducida e que a consecuencia diso, ou así, púdose dar paso á alfabetización estensiva.
Por outra parte, a euskaldunización e a alfabetización sempre foi unha actividade vencellada á construción nacional e ten sido un elemento indispensábel para se integrar nunha sociedade euskaldún e hoxe tamén é así(16). Pero as forzas de todos os vascos non estiveron a favor. Aínda que pareza unha contradición, os vascos máis tradicionais ou os que non tiñan un punto de vista moi claro do País Vasco reaccionaron en contra do Euskara Batua, e nen que dicir, as forzas máis conservadoras que estaban e están en contra da construción da nación vasca.

Achaques e carencias
Na época de difusión do Euskara Batua (1968-1978), o obxectivo da alfabetización causou moitas dificultades e hoxe tamén aínda crea moitas preocupacións, para partir da tradición lingüística enxebre recibida, e integrala no modernizado Euskara Batua. Que pasou cos vellos vascofalantes?
A diaria influenza poderosa e imposta durante séculos das linguas alleas, confundiu o noso, fíxonos esquecer, abrandecer, mudar e obrigounos demasiadas veces a usar o imposto, e en todo isto tiveron grande influenza as mencionadas políticas de Franza e España dende os séculos XVIII e XIX até o mesmo século XX. A alfabetización que comezou no ano 1967 e que se difundiu até hoxe, ao comezo tiña o apoio dunha minoría dos vascofalantes(17). Afortunadamente, desta minoría que recibiu a tradición lingüística e que se apropiou da lingua normativizada (Euskara Batua) saíron os escritores, lectores, e entre outros, a morea de profesionais (mestres, escritores, xornalistas, traballadores de administración, técnicos, etc.) que están capacitados para traballar en éuscaro. Pero daquela a morea de vellos vascofalantes non se mergullaron nisto e os milleiros que podían ter sido lectores, máis que escritores, non seguiron aquel movemento moi de cerca.
Todo isto, trouxo un desenvolvemento menor do desexado dos libros en éuscaro, de medios de comunicación e de recursos doutros formatos. E así, non predominaron os xéneros (productos) en éuscaro no mercado, e mesmo a tradición lingüística recibida ou o propio acervo oxidouse e contaminouse, e sobre todo, moitas veces ofrecimos aos nosos sucesores (fill@s e alum@s) unha tradición lingüística máis escasa da que nós recibimos (sobre todo moitos pais e mestres).
Despois, a partir de 1980, grazas ao traballo que fixeron contra todas as forzas durante un terzo de século as ikastolas e as gau-eskolas(18), no Sur de País Vasco (19) viñeron a man dalgunhas institucións o ensino en éuscaro na escola (o modelo D), o título EGA (Euskararen Gaitasun Agiria [Documento de Competencia en euskara]), etc., coas súas partes positivas, as súas carencias e todos os conflitos políticos. E unha parte da seguinte xeración, non toda, instruiuse no éuscaro normativo, pero o escaso soporte da xeración anterior á alfabetización de 1970, á euskaldunización, ao Euskara Batua e a ler e escribir en éuscaro , agás excepcións, trouxo unha xeración cunha tradición lingüística feble. E aínda que esa nova xeración ás veces teña a man os medios de comunicación en éuscaro , a literatura, e mesmo o traballo, e aínda que en teoría polo menos tivo facilidades nalgures para aprender o éuscaro normativo, ter unha tradición lingüística tan mediocre e ter integrado moi pouco esa tradición na lingua estandar, e andar nunha tropa de novos vascofalantes que teñen tan escasa tradición lingüística, en moitos casos, trouxo o uso desas formas lingüísticas tan mediocres mencionadas ao comezo.

Facendo un diagnóstico
As renovacións de orixe alleo, a música e o mundo do canto que se está a anglofonizar totalmente, o descenso da tradición lingüística oral e en xeral que moitos vascos non dean importancia a usar unha lingua enraízada, levounos na práctica diaria e polo menos na práctica oral (moitas veces tamén na escrita) a unha escasa calidade. Son testemuña desta preocupación, por exemplo, varios artigos, ensaios, informes de seminarios e entre outros, o famoso informe Euskararen kalitatea. Zertaz ari garen, zergatik eta zertarako(20) [A calidade do éuscaro. De que estamos a falar, por que e para que] publicado por tres membros (Kike Amonarriz, Andoni Egaña e Joxerra Gartzia) do Euskararen Aholku Batzordea [Comisión Consello do Euskara] constituído polo Goberno Vasco. Neste traballo, estudaron a cantidade e a calidade, a calidade en que está, os datos e as reflexións sobre a calidade lingüística, os ámbitos de influenza na calidade lingüística e propostas e liñas de traballo. Diferencian e definen o éuscaro correcto, o euskara enxebre, e o éuscaro axeitado. Esta tema é unha preocupación que dunha maneira ou doutra está a voltas na sociedade vasca, no ensino, nos medios de comunicación, entre os traballores euskaldúns da administración, na industria e no comercio, etc.
As tradicións lingüísticas, polo menos no caso do éuscaro, teñen a súa orixe na tradición oral das épocas onde case non se escribía ou se escribía moi pouquiño (velaí varios refráns, contos, sentenzas, bertsos, cancións, etc. co léxico vello, verbos e coa meirande dos recursos), pero dende hai un século cando a vida oral predominaba até hoxe, a transformación do modo de vida dos vascos e a influenza que nesa transformación tiveron as linguas alleas, perdeuse ese coñecimento e hoxe coñecémolo demasiado pouco de modo natural. Por outra parte, a vida social e mesmo a meirande dos medios de comunicación non axudan nada á hora de socializar ese coñecimento(21).
Mencionei o ensino e os medios de comunicación como a dupla-forza que soporta ou obstaculiza á tradición lingüística recibida, e así é, pero non hai que esquecer outros ámbitos. A lingua diaria de traballo condiciona moito a evolución lingüística das persoas. Traballar en éuscaro, normalmente leva a mellorar a tradición lingüística e o acervo, e pola contra, traballar en castelán, leva a perder a tradición lingüística e o acervo recibido. Hai claros exemplos diso.
Sen ter en conta o feito polas ikastolas en épocas anteriores, o ensino en éuscaro leva gañando a modiño ámbitos un terzo de século, pero aínda en poucos lugares chegou aos niveis máis altos da Universidade e da Formación Profesional. Neste momento, a tradición lingüística dos profesores (moitos deles estudaron en erdara e despois se medio-reciclaron) e o feito de que o sistema administrativo non teña unha planificación para euskaldunizar totalmente o ensino (están de moda as planificacións nomeadas multilingüísticas), non logra resultados decisivos á hora de arraigar nos estudantes a continuación da tradición lingüística. Máis aínda, tense como lexítimos os modelos que non ensinan ben a lingua base. As casas, as familias e os barrios, neste momento, están cheos da propaganda e da práctica erdaldún dos medios de comunicación e do mercado, e non teñen a forza de antes (da época onde non había nen radio) para ofrecer e transmitir a propia tradición lingüística. Amais, cada vez son máis as familias mixtas, e nesas é moito máis difícil integrar a tradición lingüística do éuscaro.
Na parte positiva, porén, temos o desenvolvemento do bertsolarismo. Ao tempo de se espallar a tradición oral máis enxebre, anovouse completamente, e creáronse escolas de bertsos, e abríronse camiños de estudo para a mocidade e difundiuse moito por tod o País Vasco neste último terzo de século. Ademais, en contra da opinión dalgúns, o bertsolarismo, sempre foi incitante e crítico ante calquera ambente político e autoridade, e sempre se acomodou á vida diaria, tanto noutrora como hoxe. Xurdiron tamén moitos actores vascos, etc.

A última palabra
Na sociedade de hoxe, son os medios de comunicación, o mercado, os servizos e os lugares de traballo os que proporcionan as condicións lingüísticas e para o éuscaro aínda todos eses ámbitos son máis ameaza que soporte.
É unha ameaza no País Vasco, que o territorio estea dividido en tres administracións e que haxa cinco situacións legais diferentes para os vascos. No Norte do País Vasco os vascos non teñensequera a declaración de seren vascos, polo tanto, tampouco teñen dereito lingüístico ningún. No ámbito «non-euskaldún» de Nafarroa teñen a lei pero non declaración de dereitos, no «ámbito mixto» teñen uns dereitos moi reducidos e tanto no «ámbito euskaldún» de Nafarroa como na Comunidade Autónoma Vasca hai declaracións de leis, mais os euskaldúns temos dificultades para vivir totalmente en éuscaro e temos dificultades coa administración para asegurarmos todas as relacións en éuscaro. Todo o que estas reducidas leis declaran non se cumplen completamente e rigorosamente, e as administracións, sexa cal for a apariencia, esencialmente e no fondo funcionan en español, agás excepcións, aínda que despois moitas veces afloren as dúas.
Son unha ameaza tamén a morea de televisións e xornais en erdara que temos ao carón da única televisión en éuscaro e o único xornal en éuscaro. Son ameaza as revistas e CDs en español e francés que enchen e se mostran nos kioskos, á diferenza dos que están en éuscaro que non se mostran. Por influenza deles, tamén en éuscaro, pódese escoitar o uso de «modelito» como escoitei agora mesmo na nosa principal radio euskaldún, co sufixo alleo –ito, como se non tiveramos o sufixo vasco –txo. Pero para a enxebre tradición lingüística tamén son ameaza os que aínda que falen en éuscaro non coidan a calidade e día tras día integran no euskaranto palabras, sentenzas, calcos, etc. en contra da tradición lingüística, sen ningunha consideración, control e sen calidade. Polo tanto, para coñecer e aprender o propio bo, na escola e fóra da escola, temos máis recursos que nunca en varios formatos, pero temos demasiados obstáculos para usalos oralmente a diario, e en consecuencia, a meirande da xente que hoxe está a falar en éuscaro, non perciben os significados das palabras ou frases vascas ou os fundamentos, ou aínda que o diga no fondo non pensa no que está a dicir. Isto é, esa carencia de concordancia entre o significado e o significante mencionada ao comezo. Usar os elementos da lingua en fórmulas entorpecidas pero non mirar á dimensión e nivel do significado.
Ás veces hoxe aparecen moitas desviacións e nas novas xeracións, agás excepcións, en xeral o instinto da lingua falta máis que nas anteriores, e aparece un costume lingüístico máis escaso. Gañamos moito co esforzo en espallar e difundir dende que hai medio século comezara e co que neste último terzo de século se logrou, pero botáronse a perder moito a agudeza e a calidade polas organizacións que en moitos lugares funcionan en erdara, e parece que chegou o día, primeiro para mellorar a nosa fala e os modos orais e para ao mesmo tempo usar modos da escrita máis propios. Para iso, non obstante, hai que crear e difundir a conciencia desa necesidade de mellora nas novas xeracións e ese é o noso reto actual.

Traducido do vasco por Iratxe Retolaza Gutiérrez

----------------------------------------------------------------
1. Adierazlea [significante] e adierazia [significado], in: Hizkuntzalaritza hiztegia I. [Diccionario de Lingüística], 26-27, UZEI. Donostia: Elkar, 1982.
2. Torrealdai, Joan Mari: El libro negro del euskera. Donostia: Ttarttalo, 1998, p. 18.
3. Ibidem. Páxina 34 e seguintes.
4. Nota da tradutora: dise erdara de calquera lingua que non sexa o éuscaro.
5. Nota da tradutora: chámase euskaltzain aos membros de Euskaltzaindia, a Academia da Lingua Vasca.
6. San Martin, Joan, Euskaldunen alfabetizazioa [A alfabetización dos vascofalantes], in Zeruko Argia, 229-330 (1967), Donostia. Velaquí uns clásicos que fixeran ese esforzo: Kardaberaz (1761), Vinson (1891), Manterola eta o recolector Michel (principios do século XX), Orixe (1927), Campion (1931), Piarres Lafitte (1931), Santi Onaindia (1954), Aingeru Irigarai (1958), Ormaetxeberria (1959), Luis Mitxelena (1960), Luis Villasante (1961) e Karmelo Etxenagusia (1965), entre outros.
7. Torrealdai, Joan Mari: El libro negro del euskera. Donostia: Ttarttalo, 1998, p. 85-220.
8. Torrealdai, Joan Mari: Artaziak. Zarautz: Susa, 2000, páxinas 69-88.
9. Torrealdai, Joan Mari: El libro negro del euskera. Donostia: Ttarttalo, 1998, páxinas 162, e seguintes.
10. Sánchez Carrión, Jose Ma, «Txepetx»: Un futuro para nuestro pasado, Donostia, 1987, p. 333-337.
11. Sarriegi Eskisabel, Andoni, in Alfabetatzearen hastapenak Goierrin. Aurresaioak eta 1967tik 1975erakoak [Os inicios da alfabetización no Goierri. Precedentes e as tentativas dende o 1967 até o 1975]. Lazkao: Goierriko Euskal Eskola, 15, 2000. «A Euskaltzaindia sempre foi oficial para os vascos de verdade. De todos os xeitos, daquela non tiña a aprobación e a axuda oficial das autoridades, e as súas actividades tamén, case estaban na fronteira da organización clandestina, aínda que deixaran facer as reunións, etc.»
12. Até que Jon Oñatibia creou ese método, non había métodos para aprender o éuscaro, só había gramáticas e todas elas escritas en español ou francés. Ese método tamén se publicou en erdara pero como foi o primeiro método de aprendizaxe que non era unha gramática tivo moito éxito. Esta data foi decisiva e a partir daquela comezaron a se publicar en éuscaro por primeira vez métodos, gramáticas, libros de textos e todos os outros traballos non literarios. En pouco tempo, creáronse Elhuyar en 1972 e UEU en 1973 e comezaron axiña a se publicar libros de ciencia e técnica.
13. Os métodos que se publicaron inmediatamente despois do Método de Euskera Radiofónico de Jon Oñatibia, camiñaron pola vía do Euskara Batua.
14. Nota da tradutora: academias de dedicación exclusiva á alfabetización e
aprendizaxe do éuscaro.
15. Davila, Pauli: Euskal Alfabetatzearen ereduaren eraiketarako osagarriak [Elementos para a construción dun modelo de alfabetización vasco], in Uztaro, 9 (1993), páxinas 155-160.
16. Ibidem. 14. Pauli Davila fala así nun fragmento: «Aínda que sexa increíbel, a alfabetización en euskara nun sentido amplo e masivo é un fenomeno novo e está vencellado tanto ao proceso da escolarización por medio da ikastola como aos movementos sociais de reivindicación nacional que teñen como obxectivo a recuperación da lingua e da cultura.»
17. Rodríguez Bornaetxea, Fito: Euskararen batasuna eta euskaldunen batasun politikoa [A unificación do éuscaro e a unificación política dos vascos], in Uztaro, 9, 1992, ps. 166-167.
18. Nota da tradutora: escolas nocturnas para aprender o euskara.
19. Na Comunidade Autónoma Vasca a Lei Básica 10/1982 do 26 de novembro de 1982 para normativizar a utilización do éuscaro foi a base e o eixe. Non é a lei do éuscaro , senón a lei do bilingüismo desequilibrado. Non hai igualdade, aos que queren vivir en castelán garantízalles a oportunidade de facelo nun %100, e pola contra, aos que queremos vivir en éuscaro non nos ofrecen o mesmo. Por teren tres apartados (6.2; 8.3 e 12.1) para poder falar só en éuscaro recorreuse e non estivo catro anos sen entrar en vigor até 1986. Ao final, cando se puxo en vigor en 1986, se lle quitaron os tres apartados citados, polo tanto, non ofrece oportunidade ningunha para falar oficialmente en éuscaro, sen castelán, en ningures.
En Nafarroa, está a Lei Básica 18/1986 do 15 de decembro de 1986, Euskararen Foru Legea (Ley Foral del Vascuence oficialmente), e divide a rexión en tres partes: «ámbito euskaldún», «ámbito mixto», e «ámbito non-euskaldún», con todos os problemas que isto trae. En teoría, o «ámbito euskaldún» é semellante ao da CAV, e nos «ámbitos mixtos» se reducen as opcións para os vascofalantes, e no «ámbito non-euskaldún» non teñen dereito ningún.
No Norte de País Vasco non teñen declaración de dereitos ningunha. Oficialmente está como se non houbera euskaldúns.
20. Amonarriz, Kike; Egaña, Andoni eta Gartzia, Joxerra: Euskararen kalitatea. Zertaz ari garen, zergatik eta zertarako, páxina 24 e seguintes, Servizo de Publicacións do Goberno Vasco. Donostia, a. 01010 GASTEIZ. Entrada en internet: www. euskadi.net
21. A maioría dos medios de comunicación falan en español e francés. En euskara, temos un medio de comunicación en cada ámbito (agás nas revistas), e ás veces ese único non ten o nivel que debería.