Carlos Paulo Martínez Pereiro (gal)

Ananos ou xigantes aos ombros de xigantes? Da (anti)tradición literaria

Dado que os meus admirados compañeiros de mesa, Teresa Moure e Anselmo López Carreira, han disertar, até onde eu chego, máis en concreto e, ademais, coa certeza de que intervirán con grande distancia do obsidiante pret-à-penser, cando se me convidou a participar neste foro de reflexión que desde hai ben anos é GALEUSCA, non dubidei en abordar de novo, coa mesma distancia referida e cun ton deliberadamente persoal e máis xeral, o intempestivo e atraínte tema da tradición no espazo fronteirizo e non autoritario dos modos do dicir descritivo, prescritivo e programático, así como tamén non hesitei en prolongar de maneira lateral esta abordaxe para o caso específico da(s) tradición(s) no caso do sistema histórico-literario galego. Se Totò afirmaba «Io non desidero, io considero», a seguir eu disertarei dubitativo na zona do claro-escuro, entre o desexar da voluntarista intuición escura e o considerar da racionalista clareza iluminadora.
En realidade, é de xustiza que, recoñecendo a orixe remota e antiacadémica desta intervención que segue, agradeza a Asociación de Escritores en Lingua Galega que, ao seu convite e na súa representación, me permitise, xa hai algúns anos e neste mesmooutro foro, disertar e debater a respecto do (in)controverso e apaixonante tema da (im prescindibilidade da tradición, en ámbito literario e no contexto da avasaladora globalización. Contexto, aliás, que veu inzando cada un dos decorrentes espazos e dos sucesivos tempos culturais (e non só) desde o conturbado fin do século pasado, en que faláramos do que agora e aquí retomamos e de que non teño desmentido, nin oficial nin oficioso, para ter que mudar a respecto do que daquela pensábamos(1).
O «mote» a «glosar» que daquela me foi dado –Tradición (im)prescindíbel?– encerraba, baixo a forma dunha condicionada pregunta, un primeiro termo substantivo singular de paradoxal valor plural –Tradicións– e un segundo termo adxectival en contraditoria e dúplice amálgama expresiva - Prescindíbeis ou Imprescindíbeis?
É así que, será honesto pola miña parte anunciar desde xa que, na visión de quen isto escribe, resulta obvio que a pregunta proposta na altura sería retórica se só nos cuestionase sobre o carácter imprescindíbel da tradición nas nosas escritas contemporáneas –bascas, catalás e galegas– e no contexto asoballante da globalización uniformizadora; isto é, será de rigor que, grosso modo, diga xa neste preámbulo que nestes nosos ámbitos (e non unicamente neles) non temos dúbida sobre o carácter imprescindíbel da tradición. Tamén agardo que unha tal postura inicial non supoña que me lapiden, como lle sucedera a aquel discípulo de Pitágoras - auténtico «tránsfuga filosófico»– que un día saíu á rúa anunciando o fin da harmonía universal e foi lapidado polas turbas. Tratarei, pois, de argüír e argumentar, actuando basicamente pola vía asistemática do exemplo indicial e referencial.
E falo de lapidación porque, non obstante o dito, o feito de se contemplar no interrogante a desenvolver unha dicotomía para a posíbel resposta deseña perante os nosos ollos a non unanimidade e a arretoricidade da interrogación. Máxime, cando o vocábulo «tradición» –achamos nós que debido a un certo don ominal da palabra– é aprezado hoxe de maneira un tanto pexorativa en non poucas ocasións, dirixindo portanto a solución para o campo da súa desexábel prescindibilidade en maior ou menor medida. É por isto que, quizais, de adoptarmos do campo dos estudos semióticos da literatura os termos de «memoria literaria» para substituírmos con eles os máis habituais e esquivos de «tradición literaria», se puidese mitigar o posíbel teor pexorativo que acompaña esta última denominación.
Un leve e rápido percorrido mental pola historia das diferentes literaturas abonda para nos mostrar como, a respecto da memoria literaria, ora se privilexia nunhas etapas epocais o principio da tradición, da continuidade, do estabelecido, do clasicismo e do canónico, ora se privilexia noutras o principio da antitradición, da ruptura, da novidade, da orixinalidade e da contestación. Está claro que, por abstracción, estamos a simplificar unha realidade altamente complexa e proteiforme, pois, nos dous supostos contemplados, as diferenzas de grau e de intensidade multiplican ad infinitum as posibilidades combinatorias entre os dous estremos idealizados: o do seguidismo de obediencia escolástica e mais o da iconoclastia de libertaria desobediencia.
Destarte, avanzando no esclarecemento destes principios xenéricos no que di respecto á súa aplicación ao longo da historia e sen nengunha intención englobadora de faire le point ou de levantar con rigor o «estado da cuestión»(2), parece innegábel que o «principio da tradición literaria» devén sempre, na realidade práctica, a asunción dunha «concreta e particular tradición literaria» e que «o principio de antitradición literaria» supón sempre, na realidade práctica, por un lado, o ataque a unha «particular e concreta tradición literaria» e, por outro, a asunción dunha outra, tamén concreta e particular, mais polo xeral tirada da «tradición da antitradición». Isto é, resulta claro que a tradición se multiplica nas súas posibilidades –como, aliás, non podía deixar de ser– por sempre estar mediatizada por un principio de selección na procura das afinidades electivas nun sentido horizontal ou vertical, afirmador ou negador.
Enfín, van permitirme que exemplifique ao longo desta exposición basicamente a partir da literatura galega –mais tamén da portuguesa e da brasileira (e non só)–, por suporen tres exemplos ad hoc de literaturas paradigmáticas de ben diferentes situacións, nun mesmo sistema lingüístico, mais cos diversos condicionantes sociais, culturais, espaciais e temporais dos diferentes sistemas literarios en que se insiren.
Así, no primeiro caso (o da «concreta e particular tradición literaria»), podemos lembrar como exemplo suficiente o do «mandarín» dos árcades lusitanos, o escritor neoclásico portugués Correia Garção para quen –como ten dito con xusteza Aguiar e Silva–(3) a tradición integraba o remoto Horacio ou o distante António Ferreira, os próximos Boileau e Racine, mais excluía o Camões das «redondilhas», da «medida velha» medievalizante e tradicional autóctona, ou o barroco Jerónimo Baía, por non citar Gracián ou Góngora.
No segundo caso (o do ataque a unha «concreta e particular tradición literaria» e a asunción doutra particular na «tradición da antitradición»), podemos referir como exemplo significativo o do surrealista Mário Cesariny que integra na súa tradición a literatura de cordel, a heterodoxa poesía erótico-satírica do «árcade-(prer)romántico» Bocage, un certo Almada Negreiros coloquial e/ou vulgar ou o delirante Angelo de Lima, mais exclúe un certo Eça de Queirós realista, case todo o Orpheu (con Fernando Pessoa á cabeza) e toda a Presença ou, especialmente, a totalidade do neorrealismo.
E que dicir dun Luís de Camões e da literatura marítima das «descobertas» integrados na tradición dun Hermann Melville ou dun Tomás Moro; dunha Rosalía de Castro que tamén asume Camões, mais non Carolina Coronado; dun Barcia Caballero, epígono rosaliano, que apreza e avalía con xusteza Sá Carneiro, Fernando Pessoa e Almada Negreiros; dun Cunqueiro que incorpora ao seu mundo criativo a literatura popular galega, os mitos (pre)hamletianos ou a escrita dantesca da (Divina) Comedia, do «trecento» ao «cinquecento» italianos ou a literatura fascista e esteticista (por italianizante) da «escola de Roma»; dun Rubem Fonseca ou dunha Clarice Lispector que, respectivamente, canibalizan o romance negro norteamericano ou os escritos bíblicos, na súa violenta escrita da actual e conturbada sociedade carioca o primeiro, e no levantamento da interioridade feminina a segunda; dun Carles Riba mozo bebendo por amor nas fontes das cantigas medievais galego-portuguesas; etc. Todos eles, resulta obvio, deixando de lado tantas outras súas posíbeis tradicións pasadistas (tanto remotas como próximas) e contemporáneas.
Aínda máis, a (anti)tradición pode procurar os seus referentes no ámbito do contemporáneo ou do pasado, operando, para escritores e lectores, como «contexto vertical» ou como «referente contextual horizontal». Desta maneira, como mostra, lembremos que, a diferenza dos futuristas –que buscaban a novidade na obra recente–, os dadaístas, os surrealistas ou os antropófagos brasileiros (con outra intencionalidade) perseguían teimosa e sistematicamente tamén o novo na obra do pasado. Así un Apollinaire era quen de defender que «examinando o pasado, se encontrarán os exemplos» ou un Tzara de declarar que amaba «unha obra antiga pola súa novidade».
Agora ben, afirmemos portanto, desde xa e con rotundidade, que sen a tradición (ou a memoria) a literatura (ou o sistema literario) non funcionaría, que a amnesia in litteris non existe máis do que de maneira parcial e/ou selectiva e que o escritor «adánico» e a escrita «edénica» veñen mostrándose historicamente como fantasías voluntaristas. Considérese que, como dixemos, até a «antitradición» acaba por servirse paradoxalmente dunha outra «tradición», funcionando, aliás, sempre con relación á memoria escritural do pasado e/ou do presente. Téñase en conta, tamén, que as básicas operacións de escrita e lectura que alicerzan a dinámica do literario, presupoñen un proceso de aprendizaxe, o proceso de «ler»; vocábulo que en orixe, sen ir máis lonxe, nos remete á idea de memoria.
Resulta evidente, por outro lado, que as diversificadas constantes e as invariantes transtemporais que, con diversa e múltipla procedencia, conflúen no sistema literario, como, por exemplo, os topoi ou loci communes, considerados nun sentido lato, aparecen e reaparecen ao longo da escrita literaria dos diferentes séculos como teimosos elementos de teor tradicional, por moito que se axeiten parcial e parcelarmente ás esixencias socio-contextuais e estético-históricas de cada época e/ou corrente.
Neste sentido, poderían servir como mostras paradigmáticas de constantes menores a pertinacia das formas fixas como, por citar un só caso evidente, a do soneto de corte petrarquista, ou a (re)aparición epocal da sextina (de Arnaut Daniel a Bernardim Ribeiro, a Camões ou a Joan Brossa e Marica Campo), a pervivencia do simbolismo naturalista de teor tradicional (de Pero Meogo, a Pondal, a Álvarez Blázquez, a Cunqueiro, a Eugénio de Andrade ou a García Lorca), etc.
Poderían servir, por outra banda, como exemplos de supervivencias temáticas xerais e maiores –e por só acudir a criacións recuadas nos primordios da escrita ocidental e, en concreto, na época baixomedieval de tanta impronta na tradición literaria de noso– o recordatorio das narrativas melusinianas da muller compósita (a peculiar e realista galega «Dona Marinha» e a convencional e irrealista biscaíña «Dama de Pé de Cabra» da liñaxística medieval galego-portuguesa, ou a adaptada «Nova Melusina» á tese antimatrimonial goethiana, ou a «Serea» nórdica oteriana de teor alegórico-político), a mención da teimosa pervivencia do trobadorismo-petrarquismo na nosa concepción do pathos amoroso, por riba de calquer tempo e todo o espazo, a apropiación actualizadora e renovadora que supuxeron no pasado século as correntes poéticas neotrobadorescas galegas(4) (a pesar de por veces resultaren fosilizantes, aínda que máis do que ben sucedidas, por exemplo, nos casos de Álvaro Cunqueiro ou de Uxío Novoneyra)(5), a referencia á historia interminábel da «Materia de Bretaña» (até o poeta Ramón Cabanillas, os ficcionistas Álvaro Cunqueiro e Xosé Luís Méndez Ferrín ou o dramaturgo Manuel Lourenzo), etc.
Poderíase aínda falar, por un lado, do que poderíamos denominar a inmensa sombra da «metatradición literaria», de que poderían ser paradigma o mito de Camões en Almeida Garrett ou José Saramago, o de António José da Silva, «O Judeu», en Bernando Santareno, o de Gregório de Matos, «Boca do Inferno», en Ana Miranda ou o de Rosalia de Castro en Otero Pedrayo e tantos e tantos poetas galegos.
Por outro lado, poderíase referir tamén o que podería ser designado de «intratradición literaria» no interior do sistema lingüístico –que non literario– galego-portugués, de que poderían ser exemplo unha das tentativas de renovación da dramaturxia galega das primeiras décadas deste século alicerzada no teatro naturalista portugués, ou a asunción polo teatro angolano de Os vellos non deben de namorarse de Castelao, ou a influencia dalgún contista e corrente narrativa brasileiros en Erros e Tánatos de Gonzalo Navaza ou a importancia das «verdeamarelas» vanguarda antropofáxica paulista e narrativa nordestina –aliada á tradicional «oratura» africana– no movimento da Claridade cabo-verdiana e, en xeral, na construción da narrativa (escrita en portugués ou en linguas africanas como a ronga do «popular» Babakosa) tamén en Cabo Verde, Angola e Mozambique.
Mais, en fin, deixemos por aquí a caótica exemplificación da proteiforme tradición6 e, servíndonos do sentido común, falemos da tradición nos parámetros convencionais do propio e do alleo.
Permítaseme, neste sentido, un breve paréntese para convocar o fenómeno do vanguardismo antropofáxico brasileiro da década de 1920, por constituír unha pedra de toque modelar no contexto discursivo en que nos estamos a mover. Os seus integrantes, aqueles xeniais antropófagos, por medio do canibalismo e da devoración verde-amarela (abrasileiradora) de todo o que consideraban «pasadista» (deglutíndoo e doestándoo), «vangardista» (axeitándoo), «indixenista» (privilexiándoo) e «tradicional» (renovándoo), quixeron –e en grande parte puderon– conseguir a síntese teórica e a prática literaria do proprio e do alleo, do local e do cosmopolita, da tradición e da antitradición, elevando copernicamente a periferia (brasileira) a centro e o centro metropolitano(portugués e europeo) a periferia marxinal, ben é certo que seguindo no campo das elites e do requintado stablishment cultural do Brasil. Todo ese proceso estaba orientado –como ten defendido Basilio Losada (1999: 901) non só para o caso que agora nos ocupa– para «a percura dunhas tradicións imaxinarias ou reais que se asentaban nun telurismo rexenerador. Eran as vangardas dos pobres, que non tiñan unha tradición inmediatamente anterior que deostar, e optaban por crear a súa propia tradición».
Ao igual que estes vangardistas antropófagos brasileiros se servían do emblema aforístico, enunciado por Japy-Mirim (¿Oswald de Andrade?) en 1929, «Deus é um fenômeno local. Varia conforme o clima. Deus é um espírito municipal», ou propugnaban un ano antes –no «Manifesto Antropófago» de Oswald de Andrade– «Contra a memória fonte de costume. A experiência pessoal renovada», nós –gardando todas as distancias requeridas polo anacronismo– poderiamos servirnos da antes referida Marinha medieval galega do Livro de Linhagens do Conde D. Pedro para explicarmos a importancia dos condicionantes particulares e locais na apropriación das tendencias tradicionais xerais, para indicarmos como noutrora –nun tempo en que o carácter imperativo da criación a partir de modelos e asumidas (auto)limitacións resultaba, en aparencia, asfixiante– se podía producir naturalmente a apropriación do alleo desde o autóctono (Martínez Pereiro 1999: 29-61).
En fin, deixemos por aquí esta revisión máis do que pontual e indicial dalgunha(s) historia(s) literaria(s) de noso e reiteremos a nosa convicción (moral) do carácter imprescindíbel da tradición (da memoria). Estamos tentados a caír na tentación de facer nosa aquela coñecida sentenza de Bernardo de Chartres en pleno século XII a respecto da criación e dos criadores medievais, transmitida polo seu discípulo Xoan de Salisbury. Nela defendia «seren os medievais ananos ás costas de xigantes e así veren máis lonxe do que eles; non por teren vista máis penetrante ou por posuíren máis alta estatura, senón por estaren subidos sobre os ombros daqueles». Non obstante, a resposta á pregunta enunciada xa no título –Ananos ou xigantes aos ombros de xigantes?– ten para nós unha resposta máis plural, combinatoria e non univocamente entrecruzada do que a medieval: somos e fomos xigantes aos ombros de xigantes tanto como ananos aos ombros de xigantes e/ou xigantes aos ombros de ananos tanto como ananos aos ombros de ananos.
Esta previa consideración, completada coa idea explicitada por E. Baumgartner, referíndose concretamente ao Tristán en prosa, de que «para un autor medieval, escreber, criar unha obra, non consistía en inventar a toda costa novos temas, novas situacións, senón, a maior parte das veces, en dar unha nova forma, un sentido novo a unha materia tradicional», coido que –de se me perdoar facer tabula rasa doutros posíbeis e necesarios considerandos– hoxe nos permitiría situarnos paradoxalmente próximos desta concepción da tradición na criación medieval, aínda relativamente vixente no substancial. Para nos darmos unha idea do falso abismo –máis aparente e voluntarista do que real e obxectivábel– que supostamente nos separaría desta visión do orixinal e do papel «natural» da tradición, bastará, por exemplo, con (re)ler o irónico capítulo «Ideas de Quique sobre la nueva novela» de Abbadón el exterminador, onde Sábato ridiculiza a nosa ansia de innovación, dando un receitario de procedimentos que farán a «novela distinta». De feito, acho que, deixando de lado o moderno mito do progreso ou o mito clásico das idades para nos mover no campo do extraordinario e humano mundo da literatura, no esencial a evolución da criación escritural continúa a moverse nos sinuosos parámetros de tradición. E falo de evolución, de proceso evolucionario –que non de progreso, de proceso revolucionario– ciente de que a observación do devir da literatura presenta non poucos e curiosos paradoxos, abundantes coincidencias e sorprendentes recorrencias sinuosas: ¿Como se non explicar que os ecos mallarmeanos producidos polas intencionais rimas e a descomposición onomástico-interpretativa (Vasco / jusqu'au) -pasmo de modernólatras– xa aparecesen en cantigas de trobadores medievais galego-portugueses como as do lugués Joan Romeu ou do ferrolán Fernando Esquío (Elvira / el vira)? ¿Como se non explicar que o «moderno» versolibrismo e a «actual» temática poetizada da cotidianeidade obxectual aparezan como abstractas directrices programáticas e, tamén, en concretas realizacións poéticas do antecitado árcade neoclásico Correia Garção? ¿Como se non explicar...?
Desculpen a rotundidade das miñas afirmacións e a parcialidade dos meus exemplos, mais paréceme que a recorrente Querelle entre os anciens e os modernes, entre os antici e os moderni, entre os «antigos» e os «modernos», obedecendo quizais á «ansiedade edipiana da influencia» que calquer autor sente a respecto dos seus grandes e imponentes precursores (tese brillantemente postulada por Harold Bloom, o hoxe «facedor» do excluínte e «globalizador» cánon), oculta, en non poucas ocasións, a afirmación da tradición através da súa agresiva negación.
E xa van, cando menos, tres afirmacións (en paralelo ás tres negacións de San Pedro) do carácter imprescindíbel da tradición, polo que, talvez, teña chegado a hora de, a partir destas heteróclitas reflexións e asistemáticos exemplos, nos perguntarmos: que se pode concluír?
Quizais moi pouco ou nada, mais, na nosa opinión, poderíamos re(a)sumir tres consideracións básicas e moduladas de teor tan desiderativo como conclusivo:
PRIMO, e é o máis relevante: o carácter conveniente e necesario –por defensivo– da reapropiación das tradicións proprias e da apropiación criteriosa das alleas –cunha actitude complexamente actualizadora nun e noutro caso– en sistemas literarios como o galego (e tamén –coido– como o basco e o catalán) que, en diferente medida, non acaban de saír do ámbito da resistencia fronte ao poder das maquinarias do sistema literario español e do «supersistema» globalizador de impronta anglo-saxona.
SECUNDO, e é de grande interese: a preservación dun sistema literario propio e funcional, asenta tamén –entre outros moitos aspectos– na capacidade de deglutirmos, de canibalizarmos o alleo, de distinguirmos o que para as nosas literaturas é produtivo e rendíbel no amplo e multiforme campo das tradicións ou da proteiforme memoria literaria.
TERTIO, e é o máis problemático no que ten de (d)enuncia: a asunción da idea do menosprezo ou da prescindiblidade das tradicións, polo presuposto idealista e falaz que a sustenta –como a historia nos (de)mostra e, como xa sabemos, a historia felizmente non chegou ao seu fin–, levaría consigo con toda a probabilidade o abandono da memoria propria e a imposición dirixida e acrítica de certas memorias alleas validadas polos apátridas mecanismos da globalización; isto é, conduciría, a curto ou a longo prazo, quer á uniformización e/ou á esterilización criativa, quer á extinción afuncional dunhas literaturas submetidas aos criterios do mercado, da igualación rendíbel en termos de inhumano economicismo.
Para irmos concluíndo con esta breve digresión por volta do da tradición, gostaría de manifestar que teño procurado –e agardo que conseguido– fuxir da «exposición botánica» (por floreada e florista) e, limitados polo tempo e o espazo, temos evitado a estéril «exposición de laboratorio» (por vivisección do abordado), na procura dun equilibrio que mostrase como as tradicións (a tradición e a antitradición) se esclarecen con feux reciproques (aqueles de que falara Mallarmé, referíndose á danza e á poesía), facéndoas imprescindíbeis entre si na súa tensión dialéctica enriquecedora da pluralidade literaria de noso.
Agradecendo a súa paciencia e atención, debo manifestar que, con certeza, fiquei malgré moi incorporado nas ideas expostas nesta caótica disertación, así como na súa propositada e tendenciosa organización, polo que espero dos meus colegas de mesa e de todos os presentes que coas súas desexábeis e particulares in(ter)vencións procuren obxectivar o que realmente se quixo,apesar de todo e desde un principio –sexamos sinceros!–, subxectivo e, por pouco matizado, propositadamente polémico e non consensual. A pesar de todo, agardo que non sexa tan polémico que poda supor a miña –aínda que for metafórica– lapidación.

---------------------------------------------------------
1. A disertación que segue é, no substancial, unha nova versión desenvolvida –e xa modificada cando, con moi escasa difusión, foi publicada no volume de homenaxe ao profesor Basilio Losada da Universitat de Barcelona (Martínez Pereiro 2000: 515-522)– da ponencia-marco intitulada «És la tradició (im)prescindible?», presentada no Saló Gòtic de l’Ajuntament de Morella o 6 de Novembro de 1999, nunha mesa presidida por Josep Ballester, en que tamén participaron con senllas comunicacións Gabriel Janer Manila e Ur Apalategi. Aquela orixinaria «in(ter)vención literaria» formou parte do «XIX GALEUSCA (Encontre d’escriptors gallecs, bascos i catalans)» que, por volta do tema de «La globalització i les literatures», se celebrou no País Valencià –Castelló de la Plana e Morella– do 4 ao 7 de Novembro de 1999, organizada pola Associació d’Escriptors en Llengua Catalana.
2. E tamén sen querermos relativizar a parcialidade do marco de referencia orixinario do agora (e antes) enunciado, por moito que todo bon spinozista –e eu tal me considero en parte– teña sempre presente que unha verdade parcial pode equivaler a unha certa falsidade.
3. De quen nos servimos con liberdade ao longo desta nosa heteróclita digresión e a quen enviamos para unha sintética e sistemática exposición dos presupostos e considerandos básicos por volta da «tradición» ou da «memoria» literarias (Aguiar e Silva 1990: 64-67).
4. Non me resisto a estabelecer un discutíbel paralelismo entre os modos e as modas apropiadores de neotrobadorismo e os extraordinarios e dispersos esforzos modernizadores, no mesmo-outro sentido e a respecto dos Troubadours(Roubaud 1975) e Es trobairitz (Giraudon & Roubaud 1978), que o empregado na mítica revista parisina, chefiada por Henry Deluy, Action Poétique ou, no traballo sobre os trobadorismos medievais, provenzal e galego-portugués, que o levado adiante polo concretismo brasileiro e, moi en especial, polo poeta Augusto de Campos.
5. Neste último autor, chegando a unha apropiación tamén do ámbito do plástico, ao utilizar, no seu moi interesante modo caligramático, os trazos e ecos do grafísmo manuscrito dos cancioneiros apógrafos quiñentistas de orixe italiá, transmisores principais, como se sabe, do trobadorismo medieval galego-portugués.
6. A que poderíamos mesmo acrecentar, por exemplo, a concepción que alicerza unha defensa axiomática de Adolfo Bioy Casares de que a peor influencia para un escritor é a del mesmo.

BIBLIOGRAFÍA

AGUIAR e SILVA, Vítor Manuel de (1990). Teoria e Metodología Literárias. Lisboa: Universidade Aberta.
ANDRADE, Oswald de (1928). «Manifesto Antropófago». Revista de Antropofagia 1 (São Paulo).
GIRAUDON, L. & ROUBAUD, J. [Eds.] (1978): Action Poétique (Es trobairitz) 75 (Paris).
JAPY-MIRIM (¿Andrade, Oswald de?) (1929). «Guerra». Revista de Antropofagia 4, 2.a dentição.
LOSADA, Basilio (1999). «As vangardas dos pobres». En Rosario Álvarez e Dolores Vilavedra (coords.). Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó Profesor
Xesús Alonso Montero
. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, t. II, pp. 899-902.
MARTÍNEZ PEREIRO, Carlos Paulo (1999). A indócil liberdade de nomear. Por volta da «interpretatio nominis» na literatura trovadoresca. A Coruña: Espiral Maior.
MARTÍNEZ PEREIRO, Carlos Paulo (2000). «Deus é un fenómeno local que varia conforme o clima. Da tradición (im)prescindíbel». En Helena González, Helena Losada e Isabel de Riquer (coords.).
a pensar con liberdade e risco
. Barcelona: Universitat de Barcelona (Publicacions. «Col·leció Homenatges», 18), pp. 515-522.
ROUBAUD, J. [Ed.] (1975): Action Poétique (Troubadours) 64, Paris.