Baltasar Porcel (gal)

Os "xuetes"

Sobre os descendentes mallorquinos do pobo de Israel a primeira cousa que hai que dicir é que non queren ser ou non son exactamente xudeus. O que de verdade son –queren ser e todo o mundo os considera así– é mallorquinos, aínda que dunha clase determinada e aparte: a dos xuetes, palabra que deriva de «xudeus». A tese, segundo a cal «xueta» é unha corrupción de «xulla», o touciño, manteiga ou graxa dos animais, aludindo á prohibición xudía de comer porco, semella ser filoloxicamente falsa.
A discriminación que existise ou perdure aínda na illa no relativo ao xueta, non afecta, pois, para nada a súa condición de mallorquino. Aínda máis : o xueta, coma calquera outro mallorquino non xueta, estabelece unha fonda e disimulada fronteira entre as persoas e as cousas de fóra de Mallorca, e mais as de Mallorca.
Tampouco, en relación ao catolicismo, non existen diferenzas: tan relixioso pode ser un xueta coma outro mallorquino calquera. Mesmo entre os fieis de orixe xudía nótase de xeito común unha énfase piadosa superior á do praticante normal. Con toda probabilidade pode ser un hábito adquirido nos séculos de perigo, cando unha simple dúbida sobre a sinceridade da súa fe podía mandar o xueta ao alxube inquisitorial ou á caharela «purificadora»... A segregación que contra eles tivo lugar entre o estamento eclesiástico pertence modernamente á mesma orde de cousas que a mallorquina en xeral.
Xueta, entón, significa con toda exactitude mallorquino cristián, descendente de xudeus conversos e despois relaxados –é dicir, que voltaron á fe e á práctica mosaicas–, para volver de novo e finalmente ao catolicismo. Noutros termos: trátase do xudeu forzado a recibir o bautismo, que, cando se sinte seguro, abxura de Cristo, pero que cazado outra vez, ten que ingresar de novo no seo da Santa Madre Igrexa, se quere salvar a súa vida.
Deste xeito, na Mallorca moderna –poño por caso na dos últimos douscentos cincuenta anos– non houbo ningún xueta que se tivese proclamado fillo de David..., quitado de agora mesmo cando unha ínfima minoría recuperou algúns aspectos, mesmo relixiosos, da tradición xudía, e declarouse irmá do Estado de Israel. Até o punto que, hai uns vinte anos, un deles, un mozo, Nicolau Aguiló, converteuse formalmente ao xudaísmo, fíxose a circuncisión, e ingresou nunha das faccions máis radicais ou máis puras da ortodoxia existente en Israel. En contra, naturalmente, da súa família, que continuou en Mallorca e no seo do catolicismo.
Os descendentes dos xudeus conversos nunca poden pasar desapercibidos en Mallorca. E non é exactamente por mor das súas características físicas, entre as que, por outra banda, abondan o nariz afiado ou prominente e os ollos acuosos, é dicir, todo tipo de características habituais nos grupos étnicos que coñeceran una excesiva mezcla do mesmo sangue, cousa que aconteceu, no ghetto material ou moral mallorquino. Aquilo que marca inexorabelmente un xueta é o seu apelido.
Xueta é todo aquel que leva un ou dous dos seguintes quince apelidos:
Aguiló, Bonnín, Cortès, Forteza, Martí, Miró, Picó, Pinya, Pomar, Segura, Tarongí, Valentí, Valleriola e mais Valls. Aínda que na práctica, case que ficaron reducidos a trece ou mesmo a doce: Valleriola é hoxe un apelido case inexistente; de Valentí esqueceuse moito a súa relación xudaica, e Martí está a seguir idéntico proceso.
Unha estadística confeccionada con esmero no ano 1955, cando os habitantes da illa sumaban 348.702, daba 9.578 persoas cun ou dous apelidos xuetes. Isto é, o 2,73 por cento do total. Hoxe Mallorca achégase ao millón de habitantes, pero hai que considerar que a inmigración peninsular é un terzo desta demografía e a estranxeira outro terzo. Polo tanto, non resulta demasiado claro que teña que haber máis xuetes. Así mesmo, entre a poboación de raíz non mallorquina a cuestión resulta inexistente. Se engadimos que mudaron os tempos, que existe a globalización, que temos a inflluencia do marco xeral español, e mais esta avalancha humana que chegou a nós, o problema queda moi delimitado nos sectores e lugares insulares máis tradicionais.
Para coñecer a orixe dos nomes «nefandos», temos que recuar até as fontes mesmas da historia dos xudeus en Mallorca e nas Baleares, e seguir brevemente a súa evolución. Comezando por Menorca, a segunda illa en extensión, a que desde hai séculos descoñece o problema, pero que no século V da nosa era sufriu unha grande sacudida: Sever, un bispo, emprendeu unha feroz cruzada contra a colonia xudía da cidade de Maón, forzando cunha malleira a conversión de máis de cincocentas persoas.
Unha longa e preciosa testemuña deste feito perdurou até nós: unha carta do mesmo bispo Sever, na que explica a súa versión dos feitos.Velaquí un parágrafo:
«...mentres en Iammo non ousa habitar, nin mesmo indo de paso, ningún xudeu –os cales pola súa ferocidade e malicia son comparados aos lobos e aos raposos–, contrariamente, Mago (Maón) estaba tan infestada de tantos xudeus –que son coma serpes e escorpións–, que diariamente a igrexa de Cristo víase mortificada por eles.»
En Ibiza, no século XV, foron tamén xuzgados por tribunais eclesiásticos algúns conversos sospeitosos de xudaizar en secreto. Pero o problema esmoreceu. En troques é en Mallorca onde ficou estratificado.
Dende a antiguidade remota, houbo probabelmente xudeus en Mallorca. Sabemos polos documentos que xa existía un ghetto comercialmente moi activo en Madinat Mayurqa (o nome árabe de Palma, daquela dominada polo Islam, coma todos os arquipélagos) no século XII. E o monumento máis antigo da illa, despois dos romanos, os chamados Baños Árabes de Palma, un baño público do século XI, formado por tres pequenas salas, en realidade é xudeu.
O ano 1229 o rei Jaume I conquista Mallorca e a repoboa de cataláns e provenzais. Os xudeus permanecen na illa, pero teñen que ceder a súa barriada á orden dos Dominicos para que poidanerguer o seu formidábel convento. As actuais rúas do Call (Xudería) e da Argenteria (Pratería), onde aínda habitan moitos xuetes dedicados ao negocio da xoiería nas súas pequenas tendas, xa formaran parte do barrio dos xudeus, el Call, ao carón dos novos recintos onde tiveron que confinarse. Estas entradas aínda eran pechadas con cadeas no século XIX.
Deste mundo heteroxéneo xurdíu, naquela Idade Media que comezaba a descubrir as rutas da navegación, unha extraordinaria escola cartográfica. Mallorca era un eixo no que confluían as naves que ían e viñan do Atlántico Norte e producíanse os intercambios entre a ribeira Norte e a ribeira Sur do Mediterráneo occidental. A propia flota dos barcos mercantes e a consignación e o frete de naves foráneas, así como o mercado de escravos, eran importantes en Palma. Non temos que sorprendermos, logo, de que con novas recollidas de viva voz, aqueles xudeus deseñasen excelentes –para a época– cartas de navegar. O Atlas català de París, de 1375, atribuído á caste dos Cresques, é posibelmente o primeiro no seu xénero. E a Escola Naútica de Sagres, da cal xurdíu a fabulosa proeza portuguesa que crearía o seu imperio marítimo, foi dirixida tamén por un xudeu mallorquino que ao ser bautizado tomou o nome de Jaume Ribes.
O primeiro gran desastre para os xudeus insulares tivo lugar no ano 1391: unhas revoltas sociais foron canalizadas cara á xudería, que foi arrasada. Houbo ducias de mortos e centos de conversos. Estabeleceuse, tamén, que cada xudeu levase prendida no peito unha especie de roda de roupa, vermella e amarela, coma distintivo racial. Tampouco estaba permitido que ningunha cristiá entrase no recinto da xudería, el Call, nin dar aos xudeus o tratamento de «don».
No ano 1435 reproducíronse as algaradas que foron máis amplias e a raíz dun motivo fantástico: uns xudeus ían «reproducir» a pasión e morte de Xesucristo nun escravo seu que era mouro. Houbo detencións e confesións de culpabilidade arrancadas sobre o poldro das torturas. Toleando de medo, algúns foron condenados a seren quemados vivos, e os centos restantes pedían a berros o bautizo. Só na igrexa de Santa Eulària, en dous días administraron as augas sagradas a máis de douscentos. O suceso daría rematado nunha espantosa matanza, se o bispo daquel momento, Gil Sancho Muñoz, non temperase os ánimos, e acadase un desenlace baseado en multas e queimas de libros rabínicos. E nominalmente Mallorca ficou sen xudeus: convertíronse todos.
Así, cando os Reis Católicos, despois de reunir baixo as súas coroas os reinos españois, crearon a Inquisición no ano 1478 e expulsaron os xudeus no ano 1492, nada disto afectou Mallorca, onde, insisto, oficialmente non había xudeus. De ahí nacería, paradoxalmente, a cuestión xueta:o pequeno mundo pechado da illa sabía quen eran as familias de conversos, estas familias eran vixiadas, e diante de calquera sospeita de xudaización os presuntos culpabeis eran levados á cadea, e moitas veces, en demasía, queimados: os anos 1493, 1494, 1500, 1504, 1506, 1508, 1510, 1513... foron anos de caharelas «purificadoras». Ás cales contribuíron tamén como causas determinantes a confiscación de bens dos reos que pasaban á Inquisición. No ano 1448, por exemplo, 280 cristiáns foron capturados, e para fuxir da morte, ademais de abxurar de calquera contacto coa fe mosaica, tiveron que pagar a abondosa suma de 10.560 libras.
Logo viñeron anos dunha relativa paz. Pero no século XVII volveu empezar todo outra vez, e tiveron lugar diversos actos de fe no ano 1645, no ano 1675, no ano 1679 e mais no ano 1691. Voume deter especialmente nesta última data, despois da cal nunca máis brillarían as fatídicas chamas, porque un xesuíta, o padre Francesc Garau, Cualificador do Santo Oficio, narrou todo o acontecido nun libro demencial, barroco, La fe triunfante. Tres veces, ao longo daquel ano, foi prendido o lume para trinta e cinco axusticiados. O terceiro, ademais, houbo tres queimados vivos, os irmáns Caterina e Rafael Tarongí, e Rafael Valls.
Deixo ao padre Garau, testemuña de excepción, a descrición dos feitos:
«Dígase la verdad, que como los reducidos recibieron con ojos serenos la soga y se sentaron en el palo con ánimo sosegado, así al contrario estos impenitentes al ver de cerca la llama comenzaron a mostrar su furor, forcejeando a toda rabia por desprenderse de la argolla, lo que al fin consiguió el Tarongí, aunque, ya sin poderse tener, cayó de lado sobre el mismo fuego que huía. Y su hermana Caterina que antes se había jactado de que había de arrojarse al incendio, al lamerle las llamas gritó repetidas veces que la sacaran de allí, aunque siempre pertinaz en no querer invocar a Jesús. Ni le bastó al Valls la estoica insensibilidad afectada, que va mucho de hablar a obrar y donde llega fácil la lengua, no acompaña siempre el corazón. Mientras llegó sólo el humo, era una estatua; en llegando la llama, se defendió, se cubrió y forcejeó como pudo y hasta que no pudo más. Estaba gordo, como un lechonazo de cría, y encendiéndose en lo interior de manera que, aun cuando no llegaban las llamas, ardían sus carnes como un tizón y reventando por medio se le cayeron las entrañas como a Judas.»
No claustro daquel convento dos Dominicos, permanecían expostos os sambenitos –especie de hábito en forma de saco que vestían os reos da Inquisición– dos xudeus condenados ou axusticiados.Pero foron apodrecendo co tempo... O ano 1693, o inquisidor xeral de Mallorca mandou limpar todo aquel lixo, e «que se renueven los sambenitos de 1675 hasta hoy y no mas». Daquela nacera a fixación dos apelidos xuetes: son aqueles nomes –aínda que con algunhas diferenzas, debidas á tradición e a circunstancias non aclaradas– os que persisitiron na memoria popular coma descendentes de xudeus conversos. Cando no ano 1813, as Cortes liberais abolían o Santo Oficio e o xentío destruía o siniestro edificio, xa era tarde para borrar o estigma inherente a aqueles apelidos.
Malia isto, a integración ía producíndose. Xa no século XVIII, o rei Carlos III declaraba aos xuetes aptos para o servizo militar. No ano1873, xa llos admitían nas escolas estatais ou privadas dunha certa categoría. Tamén podían obter as ordes sagradas, aínda que tacitamente lles vetasen acceder ao cargo de cóengo e a outras dignidades eclesiásticas. No período da Renaixença (o Rexurdimento), os nomes xuetes son básicos, comezando polo poeta Marià Aguiló. Na presente centuria xa poideron ser socios do Cercle Mallorquí (Círculo Mallorquino), a sociedade de lecer dos ricos e os aristócratas...
Con todo, isto non impedía que calquera família poidera resisitirse ao feito de que un xueta entrase a formar parte dela a través do matrimonio, especialmente se o xueta era o xenro: o primeiro apelido dos fillos, sería o do marido... Uns corenta anos atrás, certos colexios de monxas negábanse a admitir rapazas xuetes e tampouco era posíbel que un aspirante a cóengo se era xueta, acadase a praza; pero a principios da democracia houbo un alcalde de Palma xueta, sen dúbida votado pola xente, porque tamén houbera outro que foi imposto en tempos da ditadura de Primo de Rivera. A avalancha turística, a crise relixiosa, a información audio-visual, o troco de costumes estan a arrecantar a marchas forzadas os vellos tabús. Subsiste o problema, pero con moitísima menos virulencia, con vergonza. Á xente nova, ademais, a cuestión non parece que lles importe máis que coma ciuriosidade.
«Mallorca, perla do Mediterráneo», canta a canción. Sí, pero perla entre a dura e rigorosa cuncha engurrada das ostras... Nocentro turístico de Palma, a Plaça Gomila, no Terreno, foi onde queimou a cacharela que rematou coa vida de Rafael Valls «gordo como un lechonazo de cría...» A Historia, a existencia dos homes, felizmente muda. Na Gomila hai terrazas de bares e suxerentes salas de festa. A diversión e a mesturanza da Mallorca turística de hoxe.

Traducido do catalán por Lluïsa Soaz