Anselmo López Carreira (gal)

As raíces hsitóricas da nosa tradición

Nun libro que reborda como poucos o amor pola súa Terra (Ensaio histórico sobre a cultura galega; 1a ed. 1932, en esp.) R. Otero Pedrayo balizou tres plenitudes de Galicia nos momentos céltico, románico e barroco (p. 197).
Por «céltica» entendía Otero Pedrayo a potente cultura prerromana do Ferro, do Bronce (os petroglifos) e mesmo do Neolítico (mámoas), aínda que polas datas en que escribía (inicios dos anos ’30) xa F. López Cuevillas acoutaba con precisión e sobre sólida base arqueolóxica o período céltico exclusivamente na Idade do Ferro (no primeiro milenio a.C.), do que a cultura castrexa sería manifestación material.
M. Murguía e B. Vicetto –os pais da historiografía galega– na segunda metade do s. XIX prestaron gran atención ao período en cuestión e quixeron ver nos celtas a base étnica sobre a que se ergueu –como esencia permanente– a nacionalidade galega, tan só retocada logo polas sucesivas aportacións humanas (romanos, suevos e visigodos) e vicisitudes históricas, de maior ou menor intensidade, mais sempre epidérmicas, insuficientes para disolver ese pouso determinante da nosa personalidade. Era, certamente, unha filosofía da Historia de carácter etnicista, conforme os modelos propios da época en que viviron.
O etnicismo (xa cun decisivo matiz bioloxicista) predominaba en boa parte da intelectualidade europea nos anos ’30 do s. XX. Otero (xunto con Cuevillas e Risco) compartíao, e por iso procuraba tamén unha esencia racial da nacionalidade galega, netamente europea («aria» incluso, mais despoxando este termo do metasignificado adquirido a raíz da IIa Guerra Mundial), que se manifestaba exultante nas fases de maior produción cultural, percibidas por el nas tres sinaladas, posto que outras nada despreciables (a romanidade ou a baixa Idade Media, por exemplo) obedecían a enerxías importadas, e algunhas éranlle sinxelamente descoñecidas pola estiaxe das fontes documentais ou monumentais (a Prehistoria anterior ao Neolítico, a época xermánica, a alta Idade Media).
Procurar os instantes primordiais dunha cultura nacional no deixa de ser artificioso, pois a Historia é un fluír continuo, noque vai sedimentando (ou erosionándose) esa personalidade colectiva chamada «nación». Nuns lugares máis que noutros. Concretamente en Galicia imponse a evidencia de que a continuidade pesa moito máis que as fracturas. Por outra parte semella que as tradicións culturais explícitas se ergueron máis sobre o que se coñece da Historia que sobre a Historia mesma.
O tema do celtismo, aceptado e reafirmado por Murguía e Vicetto a partir dos prolegómenos de J.F. Masdeu (Historia crítica de España y de la cultura española, 1783-1805), foi axiña cuestionado, e aínda que fixo notable fortuna grazas á indicada visión bioloxicista prolongada ao socaire dos ingredientes fascistas do franquismo, sen embargo é obxecto de intenso ataque desde os anos ’70, no que se aunan un extremo obxectivismo arqueolóxico (que coida imprescindibles materiais parangonables a un ideal celtismo centroeuropeo) e razóns de trasfondo ideolóxico alérxicas a calquera afirmación dunha peculiaridade galega tan alonxada no tempo. Ambas actitudes –compre recalcalo– non as esgrimen persoas adscritas a determinados posicionamentos políticos; son transversais aos mesmos, de maneira que mentres a finais do s. XIX o celtismo implicaba unha afirmación nacional de Galicia, hoxe en día nin celtismo nin anticeltismo ubican políticas nacionalistas ou anti-nacionalistas.
Como queira que sexa, o celtismo contemporáneo non bebeu directamente daquel suposto momento proto-histórico, senón que parte do ossianismo atlantista decimonónico. A poética de Pondal ou a imaxinación narrativa de Cunqueiro ou de Ferrín non entroncan cunha tradición histórica de raiceiras profundas transmitidas a través de milenios; son cunha recreación contemporánea que acto seguido atopa conexión consciente co pasado propio unha vez que este se redescubre e cataloga como celta.
Reparemos, non obstante, en que rexeitamos o termo invención, pois a presencia de motivos plásticos prehistóricos (petroglifos do Bronce) e protohistóricos (epigrafías e esculturas castrexas) afloran reiteradamente en ornamentacións romanas, xermánicas, altomedievais e románicas, sendo por tanto lícito catalogalos entre o acervo da nosa tradición cultural.
Preferimos soslaiar aquí o debate á cerca da súa cualificación como céltico ou non. Acollémonos moderadamente á prudente opinión de J.C. Bermejo Barrera e X.A. Fernández Canosa (Nova Historia de Galicia, 1996), para quen é digno de terse en conta o etnónimo que os contemporáneos asignaban a aquela Gallaecia.
F. López Cuevillas preocupábase por saber cal era a «filiación étnica» da cultura castrexa (La civilización céltica en Galicia, 1953, p. 24) e descubría a preponderancia do mundo céltico (os saefes) sobre unha inconmobible base –iso si– precéltica que permanecía e mesmo moldeaba a aportación indoeuropea.
Polo contrario, F. Calo Lourido (A cultura castrexa, 1993) e A. de la Peña Santos (Galicia. Prehistoria, castrexo e primeira romanización, 2003) rexeitan enerxicamente calquera atisbo de celtismo na nosa cultura da Idade do Ferro, e privilexian un fondo humano, etnicamente indefinido, que dota de peculiar orixinalidade a nosa cultura.
En que medida eses primeiros ingredientes coñecidos da nosa Historia conformaron a personalidade da actual Galicia é moi difícil de avaliar. A arqueoloxía baliza un espacio comprendido entre Cantabria e o río Douro onde predominan os rasgos unitarios na forma de poboamento (os castros), nas manifestacións culturais e no modelo económico, configurándose así a Gallaecia que a administración romana convertirá en provincia, e que perdurará sen apenas variacións ata mediado o século XII.
Os romanos «inventaron» Galicia, tense dito. Crearon, en efecto, unha circunscrición así denominada, mais fixérono captando a comunidade previamente existente entre as xentes que habitaban esa área: notable densidade de pequenas aldeas, modesta economía agro-pecuaria e mariñeira, e lazos comerciais que a convertían en bisagra entre o Mediterráneo e os mundos célticos do norte.
Opina atinadamente Pena Graña que as formas habitacionais e de poder local rastrexables ata a Idade do Ferro (que el desde logo cataloga decididamente como celtas) configuraron a estructura básica de Galicia visible con nitidez no Parrochiale Suevum do s. VI e con posterioridade nos señoríos medievais.
Sexa como for, repetímolo, o suposto celtismo protohistórico non conformou unha tradición histórico-cultural orixinal en Galicia, como fixo, en cambio, en Irlanda ou mesmo en Bretaña (onde de todos modos o celtismo actual é herdeiro do británico medieval, non do galo anterior), e nin a literatura artúrica baixomedieval nin a actual que hai pouco citábamos proceden daquelas fontes, senón de fenómenos posteriores e importados.
Aínda así, e mesmo sendo conscientes das referidas implicacións reaccionarias do etnicismo dos anos ’30 do s. XX, dificilmente se pode negar que a tradición cultural céltica actual (notable na música) adopta por fin un carácter disidente na medida en que serve de auto-identificador galego frente aos arquetipos culturais uniformizadores españois.
Moito máis interese ten, sen dúbida (aínda que o espacio despoñible non nos permita ir máis alá da súa simple presentación), botar unha ollada a outros ingredientes históricos determinantes do noso devir cultural, sen os que non ten explicación o actual deseño nacional de Galicia e que, sen embargo, se deixan arrombados no faiado pola necesidade imperativa de recorrer en exclusiva aos ideoloxemas dunha ficticia historia oficial de España.
Vou mencionar apresuradamente dúas etapas.
En primeiro lugar a sueva. Os suevos fundaron un reino en Galicia (a Gallaecia, entre Cantabria e Lisboa grosso modo) que durou desde o ano 410 ata o 585, período dabondo dilatado como para ter influído decisivamente na configuración da Galicia medieval, e ademais dotado de fontes (escritas, numismáticas e monumentais) máis que suficientes para coñecelo. Sen embargo, a forza do paradigma hispano-castelanista baseado na sobrevaloración do visigodo reduciu historiograficamente o suevo a algo inusitadamente marxinal.
Pois ben, o propio feito da constitución temperá dun reino medieval europeo (foi o suevo o primeiro en facelo), a fixación duns límites territoriais estables desde mediados do s. V ata finais do XI, a institucionalización de formas políticas como os Concilios (o I Bracarense celebrouse no ano 561), unha monarquía católica inspirada no césaro-papismo bizantino, a organización territorial parroquial e diocesana (reflectida no Parrochiale Suevum, ca. 570), e a mesma producción literaria dumiense, xogaron un papel de primeira orde no mundo medieval, e por tanto constitúen ingredientes nada despreciables do acervo cultural (ou nacional) da Galicia moderna.
En particular a obra de Martiño de Dumio (+ 580) De correctione rusticorum (e algunha outra do mesmo autor, como a colecta de capítulos da igrexa oriental, etc.) cóntanse entre as máis coñecidas e consultadas durante o medievo.
Non é cousa de especular demasiado coa sospeita de se a presencia dunha especie de poeta ou bufón na Corte do rei suevo Miro (570-583), segundo testemuña Gregorio de Tours nos Milagres de San Martiño, puidese chegar a suxerir un precoz anticipo da floración plenomedieval dos troveiros, tal como propón A. Resende de Oliveira (Dicionário da literatura medieval galega e portuguesa, ed. G. Lanciani/G. Tavani, 1993, p. 339).
Non é preciso. Xa nun segundo momento augural da nosa Historia, a eclosión lírica (pois deixamos agora de lado a producción en prosa latina da Historia Compostellana e do Codex Calistinus, inseribles no mesmo vector cultural), escrituralmente consignada desde finais do s. XII, abócanos a unha postura de aínda maior disidencia historiográfica con respecto ao modelo publicitado.
Como todo o mundo ten a desgracia de saber, a historia medieval «de España» explícase desde o macroparadigma ideolóxico chamado «Reconquista» –que leva aparellado o de «Repoboación»–, no cal inscríbense logo unha serie menor de anécdotas engorrosas. Por medio del infórmasenos de que a España actual procede dunha paulatina conquista contra o invasor musulmán, emprendida en Asturias no s. VIII, con etapas sucesivas en León e Castela, ata a síntese nacional acometida polos Reis Católicos. Ao ritmo do lento (moi lento) pero imparable avance a intrusa poboación musulmana ía sendo substituída por oriundos continxentes norteños e cristiáns, de onde esa España europea e católica inventada pola historiografía decimonónica, iniciada por certo en sincronía sospeitosa coa intervención en Marrocos (a mediados do s. XIX), consagrada polo castelanismo da Xeración do 98 (en particular por Menéndez Pidal e o «Centro de Estudios Históricos») e continuada ata hoxe polo aparato académico español.
Pois ben: ¿que fai neste discurso unha lírica en galego, brillante ata o punto de dominar o panorama literario peninsular durante a plena e parte da baixa Idade Media?, ¿que fai, tamén, un Reino de Galicia delatado polas fontes escritas cristiás e musulmanas –ben o sabían Lafuente e Sánchez-Albornoz–, pero ocultado (naturalmente) pola historiografía oficial?.
Ambos fenómenos (por outra parte, innegables) pulverizan a citada ideoloxía historiográfica española e obrigan a unha relectura completa do período. Nós non ousaremos agora entrar na discusión global disto (fíxémolo por extenso recentemente noutro traballo: O Reino medieval de Galicia. Contribución á súa historia política, 2005). Contentarémonos con poñer sobre a mesa un aspecto que coidamos fundamental: o tono das relacións entre a Galicia cristiá e a veciña España musulmana, posto que o esquema reconquistador-repoboador supón (aínda que episodicamente o queira suavizar) un enfrontamento continuo e irresoluble co Islam, a non ser pola vía da submisión e do dominio. Mais esta concepción uniformizadora e intolerante (extensible tamén por suposto aos xudeus), reductora dos nosos compoñentes culturais, choca coa realidade histórica.
Lonxe da nosa intención reproducir aquí o coñecido debate sostido entre Sánchez-Albornoz e Américo Castro á cerca de se «España» era resultado da repoboación cristiá (como sostiña o primeiro) ou da síntese das culturas cristiá, musulmana e hebrea (opinión do segundo), igualmente reduccionista en calquera dos casos. Cinxirémonos ao espacio de Galicia e cronoloxicamente ao tránsito do s. X ao XI, cando en Europa se fragua o mundo feudal da plena Idade Media, aquel no que nace a lírica dos Cancioneiros.
Nesa conxuntura o reino galaico abalaba desde unha dominante influencia do califato andalusí cara a outra procedente de Francia e do papado (a reforma gregoriana desenvolvida pola orde de Cluny).
Ata entón –e pódese asegurar que desde o mesmo s. VIII– o reino galaico, non sometido nunca á directa dependencia cordobesa, movérase na órbita andalusí, moi especialmente durante os séculos IX e X, influencia que daquela se percibe con forza na arte (a arquitectura mal chamada «mozárabe», moito máis probablemente autóctona) e na onomástica. Infelizmente non conservamos testemuños dunha paralela influencia literaria, máis que probable nunha época na que en Al-Ándalus florecía unha potente poesía en árabe, obra de escritores musulmáns e xudeus. A temática e mesmo o estilo de moitas destas composicións lembra as posteriores cantigas galegas. A pegada andalusí da nosaliteratura medieval foi xa sinalada por autores como M. Rodrigues Lapa e G. Tavani, e compre non perdermos de vista esta perspectiva, posto que, en contra do sostido polo ideoloxema reconquistador, as relacións altomedievais entre os mundos andalusí e galaico foron moi estreitas en todos os aspectos: no político-militar, no económico (Compostela era centro do tráfico entre a España musulmana e Europa) e tamén no cultural.
Esta influencia andalusí decae a partir da descomposición do califato cordobés (1031), e en contrapartida afiánzase a centro-europea. Daquela é cando aflora a nosa lírica, cunha recoñecida filiación provenzal das cantigas de amor, expresión por tanto da paulatina feudalización de cuño franco-itialiano. Sen embargo algúns dos seus compoñentes non se explican a partir desa fonte, senón de elementos preexistentes, e a mesma vixencia dunha tradición lírica propia debe darse por segura.
En conclusión, se ben a independencia do reino galego con respecto aos veciños andalusíes e franceses permitiu que o pouso autóctono peneirase as influencias procedentes de ambos (a carolinxia no s. VIII, a musulmana ata o s. XI e a centroeuropea desde esa data), a conformación cultural de Galicia na plena Idade Media, é dicir, na fase en que se configura a fasquía da nosa nacionalidade, non rexeitou violentamente ningún deses ingredientes, senón que é debedora deles non proceso de dialéctica asimilación.